18 de agosto de 2016

Ouzande mostra o auténtico espírito olímpico:::

Non foi en Río de Janeiro nin houbo perdedores, as OUlimpiadas celebráronse o pasado domingo 13 en Ouzande e todo o mundo saíu gañando. Así é o espírito oulímpico, os máis de 30 rapaces e rapazas que participaron nesta orixinal actividade demostraronlle aos adultos os valores do esforzo, da constancia, do compañeirismo e da superación. Algún non levantaba máis dun metro do chan pero todos foron capaces de cumprir os obxectivos, convertíndose en auténticos medallistas oulímpicos.
Ás 18.30h comezaron coas inscricións e os preparativos. A organización, chamada COU (comité oulímpico) estableceu para as 19h o acto de inauguración; as delegacións das cinco cores oulímpicas encheron o campo da festa de Ouzande, foron atrás do fachico oulímpico ata o seu espectacular encendido e ante a atenta mirada de pais, nais, veciños e festeiros. A continuación as distintas probas, cada equipo tiña 15 minutos que o COU ía marcando para facer os xogos: unha xincana cunha carreta, outra saltando unha pista con pavóns do millo, outra na que había que encestar un balón nunha canasta pero cos ollos vendados, outra proba consistía en transportar auga usando só a boca, mesmo había carreiras de biciclestas nas que había que chegar o último... mesmo houbo unha proba de levantar torres de carozos... moita actividade que os máis de 30 participantes superaron con moito ánimo e dedicación. Ao remate había unha sorpresa, mentres que os moitos xuíces que controlaban as probas foron deliberar, cada equipo tivo un momento libre para xogar ao Pikachocú, unha caza de pokemons sen móbiles, correndo ata a igrexa e procurando o pokemon da cor de cada equipo. Ao regreso un gran podium, posto que todos os equipos levaron algún premio: compañeirismo, superación, simpatía... foron loureados con coroas de oliveira e fíxoselle entrega dunha enorme medalla de chocolate a cadaquen e unha pegatina de recordo das IV Oulimpiadas, o acto de clausura rematou cunha fermosa foto de grupo que quedará como recordo do auténtico espírito oulímpico, o de Ouzande.

Foto do acto de clausura 
foto do encendido do fachico oulímpico

100 metros pavón

xincarreta e biciclentas

100m pavón

xincarreta

cazando pokemon

Ningún comentario:

Publicar un comentario