17 de maio de 2016

O Día das Letras de Manuel María:::

Hoxe Galicia celebra dun xeito especial o Día das Letras ao estar dedicado ao "poeta nacional". Aínda
que a cerna das actividades son en Outeiro de Rei, a nosa comarca tamén homenaxea e dá a coñecer ao "Muiñeiro das Brétemas". Ao tempo que o Consello da Cultura Galega celebra un concerto na Coruña con versos do chairego e a Real Academia centraliza todos os actos na Casa natal do poeta, A Estrada acolle a Ruta das Letras, Santiago a marcha en defensa do idioma lembrado que "o galego é vida" e a TVG organizou unha completa programación que culminará esta noite coa estrea do filme A Esmorga.
Desde Portal de Noticias homenaxeamos diariamente as nosas letras, usándoas de ferramenta para comunicar todo canto pasa pola nosa redacción. Hoxe, tamén, rendimos tributo ao poeta do POBO-TERRA-FALA difundindo estes versos que elevan os traballos do pobo á categoría de poesía musical. Veñen interpretados polo grupo Gelría (grupo internacional con produción estradense) que estes días presenta por toda Galicia "Cantos de poeta". 


Fanse zocas pechadas e chinelas
en Loentria, Duarría e Formarán.
Non hai zocas xeitosas como elas:
¡ben lle caen ó pé  e ben se tran!
Foron afumadas cun casqueiro.
Ó andar son ledas, cantareiras.
¡Aunque feitas de bido ou amieiro
son, como o vento, de lixeiras!

A gracia da abidueira
atopou o seu destino,
¡fíxose zoca chinela,
apreixa un pé feminino!


Fíxose zoca chinela
a abidueira lanzal.
¡Agora sobor da acera
canta con voz musical!

A zoca xa é canción
delgada como asubío
que aprendeu a abidueira
dos melros de xunto ó río.

Fíxose zoca chinela
a gracia da abidueira.
¡E vai marcando na acera
os puntos da muiñeira!
Galicia rinde homenaxe a Manuel María e ao noso idioma. Imaxe tomada en Melide
Casa-Museo de Manuel María en Outeiro de Rei (Lugo):

15 de maio de 2016

Ruta das letras para homenaxear a Manuel María:::

A Fervenza de Ouzande organiza a XI RUTA DAS LETRAS, será coa "Ruta do río Gallo" na mañá do vindeiro día das Letras, o martes17 de maio. A participación é libre e gratuíta, só hai que estar ás 10 da mañá ao carón da igrexa de Ouzande e teñen previsto o regreso para as 13:30 no mesmo lugar. Ao final do roteiro, todas as persoas participantes serán agasalladas cun libro en galego en conmemoración do Día das Letras.