24 de abril de 2016

Escolares da Estrada, Laxe, Melide e Palas de Rei interaccionan coa natureza da Fervenza de Ouzande:::

Que a aprendizaxe non se circunscribe unicamente ao ámbito dos pupitres demostrárono hoxe o centenar de escolares que se mimetizaron coa natureza na Fervenza de Ouzande. Trátase dunha iniciativa conxunta de varios centros escolares de secundaria que organizan "roteiros teatralizados" polas súas contornas naturais e hoxe os anfitrións foron os alumnos e alumnas do IES Antón Losada Diéguez da Estrada. Ás 11 déronse cita no Teatro Principal da Estrada para mostrar o bo facer dos grupos de teatro de cada centro e contra as 13h achegábanse en autobuses a Ouzande onde foron recibidos por membros da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande con quen descubriron de primeira man esta paraxe natural. Os máis de 100 visitantes organizáronse en dous grandes grupos e foron guiados polos alumnos estradenses pola Costa da Labrada e carreiro das Tomadas cara ao Muíño do Rubio. Polo camiño os propios escolares recitaron poemas no medio dos carballos e acivos e chegados ao seu destino puideron ver unha escena teatral na que un home de negocios falaba por teléfono indignado porque naquel lugar "coidado" todo estaba como cando era neno, imposibilitando que puidese investir en negocios de comida rápida. Cun sorriso nos labios, os rapaces e rapazas foron guiados polo son dunha muiñeira cara a canle do Muíño do Rubio onde os agardaba unha representación de Recanto para cantarlle un par de pezas subidos a un escenario natural moi especular. Confundíndose os sons da música e as voces so marurio da auga, a ruta proseguiu ata a propia Fervenza, onde un profesor lles contou un conto breve. O regreso cara a a aldea había ter unha parada máis, desta volta para que un grupo de rapaces contasen dúas historias recollidas no lugar baixo os carballos da Carballeira do Cura. Acto seguido dirixíronse ao Campo da Festa de Ouzande onde gozaron dun xantar campestre, quedando citados para a próxima ruta que han celebrar en Laxe o 28 deste mes.
Desde o IES Antón Losada mostrábanse contentos e orgullosos polo ben que saiu a actividade ao tempo que recordaban que era a terceira vez que o intentaban facer. Aínda así en 2015 chegaron a facer unha actividade alternativa no Local Social de Ouzande en substitución da camiñata e que resultara moi satisfactoria.





Mañá reabre a piscina climatizada da Estrada:::

Logo dun peche temporal para realizar tarefas de mantemento, a piscina da AGASP volve abrir no seu horario normal (a partir das 10.30h) para goce dos usuarios. Faino con melloras de calidade das propias instalacións, tanto no vaso da piscina coma nas distintas dependencias. Na área de ximnasio fíxose unha posta a punto das máquinas que se suma á compra de dúas bicicletas e unha cinta nos últimos meses así como á eliminación dos problemas de humidade que presentaba esta sala de máquinas. 
Antes de xuño remata o período da concesión temporal de Auga Va, a actual administradora, en caso de que continuasen, tamén continuarían as obras de mellora das instalacións, sendo a súa primeira prioridade a ampliación completa do ximnasio coa renovación do equipamento.



O Ulla, o río con cancelas:::

O sol luciu durante toda a xornada de domingo logo dun longo período de chuvias, cuestión que animou a moitos veciños a gozar do medio natural. Ubicámonos na parroquia de Couso, ao pé do Río Ulla e encontrámonos a numerosos visitantes que pretenden acceder á ponte colgante que une esta parroquia estradense co Xirimbao. A pesar de aparecer como reclamo turístico de Teo e A Estrada, o certo é que se anuncia que o paso só se abre en período de pesca ata unha hora antes da posta do sol. E é que estamos ante a "Pasarela Marieta", unha ponte colgante feita ad hoc durante a ditadura para servizo de pescadores. Logo dunha remodelación é responsabilidade do coto de pesca e dos gardarríos que só permiten o acceso de turistas e curiosos durante os períodos hábiles para a pesca. Houbo un período en que permaneceu aberto pero o mal uso do público motivou que houbese control de acceso, xerando estas "cancelas" sobre o río. Deste xeito, a pesar de ser un reclamo potentísimo no municipio, este permanece pechado avivando a polémica sobre un dos iconos da comarca.




20 de abril de 2016

A Estrada acolle este domingo a centos de escolares no IV Festival de Teatro Escolar organizado polo IES Antón Losada:::

Será este domingo día 24 de abril en distintas localizacións do municipio estradense e xuntará a uns douscentos escolares de secundaria procedentes de localidades tales como Palas de Rei, Touro, Laxe ou Melide. Trátase dunha actividade organizada pola aula de Teatro "Avelaíñas Teatro" e o clube de lectura Retelladores do Galiñeiro e que contan coa colaboración do Teatro Principal e maila Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande.
 Esta festa do teatro arrancará ás 11.00 no Teatro Principal da vila coas actuacións do Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, a aula de Teatro do CPI de Touro, a Escola Municipal de Laxe, a aula de Teatro do IES de Melide, Teiroa Teatro, e os actores do IES Antón Losada Diéguez. Acto seguido, os novos actores e actrices desprazarase á zona de Fervenza de Ouzande para realizar un Roteiro teatral, poético e musical polo contorno natural da Fervenza de Ouzande, con saída desde a igrexa parroquial ás 12.45 horas e no que participarán tanto o alumnado do IES Antón Losada coma membros da Fervenza de Ouzande que recibirán aos escolares.


10 de abril de 2016

A Casa do Concello da Estrada vítima dun lóstrego:::

As malas condicións metereolóxicas deste domingo 10 de abril veñen de provocar as súas primeiras consecuencias. Un inesperado lóstrego foi caer no pararraios da Casa Consistorial da Estrada provocando numerosos danos materiais. A cúpula do Concello Estradense desprendeu numerosas lousas pola Avenida Benito Vigo e Praza da Constitución, rebentou tamén o reloxio que había nos laterais, queimou a fachada da torre por onde baixaba o pararraios e provocou a caida do falso teito no andar superior do edificio. Protección Civil da Estrada e a Policía Local do municipio acordoaron a zona mentres numerosos curiosos se achegaron tralo susto por este potente raio caído na vila da Estrada. Outros efectos da descarga eléctrica foron os cortes de corrente ou que os semáforos da vila deixaran de funcionar, numerosos fogares acusaron incidencias relacionadas con este suceso como electrodomésticos queimados. A base de Protección Civil e maila estación de servizo da estrada de Santiago tamén foron vítimas das descargas eléctricas. A pesar de que en 2014 outro raio provocara un buraco nun edificio próximo á Casa Consistorial, o pararraios do Consistorio atopábase desconectado tralas obras de arranxo da cuberta do inmoble.