24 de novembro de 2015

Homenaxe a Don Olimpio no aniversario do seu pasamento:::

Será mañá, mércores 25 de novembro  e mailo venres 27, da man da  Asociación Cultural Vagalumes. Haberá unha ofrenda floral e mais unha mesa redonda co fin de homenaxear ao insigne promotor cultural da Estrada. A ofrenda floral será mañá ás 18h diante da tumba do homenaxeado. A mesa redonda será o venres ás 20.30h no MOME e nela intervirán Carmela Sánchez, Xosé Fuertes, Heitor Picallo e Xosé Manuel Nogueira. Nel abordardarán o labor de Don Olimpio e debatirán sobre a situación actual da promoción local da cultura.
Desde Vagalumes queren poñer en valor a "defensa e promoción da lingua galega e da cultura en xeral, así como a súa implicación coa Estrada, tanto na súa faceta como investigador coma na promoción do teatro escolar. De feito, ás 13h de hoxe, Vagalumes presentará no Concello da Estrada unha proposta coa que solicita homenaxear anualmente ao ilustre veciño da vila, dando continuidade ao seu labor coa difusión do seu traballo na potenciación do teatro nas escolas do municipio.
Cabe recordar que Don Olimpio foi mestre de varias xeracións de estradenses desde que comezou a impartir docencia na escola de Couso. Estivo á fronte do Museo do Pobo Estradense e levou adiante numerosas investigacións sobre o pasado histórico e cultural da bisbarra. Entre outras, destacan os artigos publicados en xornais locais e posteriormente editados baixo o título Rueiro histórico da vila da Estrada sobre a historia do nomenclator das rúas da capital municipal. O entroido da Ulla foi outro aspecto que tratou de investigar e prestixiar dando charlas e publicando obras sobre os Xenerais. A figura de Waldo Álvarez Insua tamén foi abordada nunha biografia, dando a coñecer este histórico benefactor local.

 Noticia relacionada: PESAR POLO FALECEMENTO DE DON OLIMPIO (25/11/14):::


21 de novembro de 2015

Descubrindo os segredos das plantas:::

Os segredos das plantas foron postos sobre a mesa esta fin de semana no local social de Ouzande. Foi grazas a unha iniciativa organizada pola asociación cultural da parroquia, A Fervenza de Ouzande, e que se celebrou no serán do venres e na tarde de hoxe sábado.
O venres 20 ás 20,30h o local quedou pequeno para acoller aos interesados en participar na chara-coloquio que impartiu Alicia Rey, responsable de "Biosolutio". Falou sobre a protección natural dos cultivos da horta, evitando os produtos químicos agrevisos para a terra. 
Na tarde do sábado houbo un obradoiro de 2h de duración impartido por Montse Fernández, de Bio Casa Xorxeira (Praza de Abastos), foi ás 17.30h e tivo dous eixos. Por unha banda presentou todas aquelas plantas que poden axudar a previr pragas e enfermidades, portando mostra de moitas delas. Tamén detallou algúns dos beneficios que nos poden aportar estas plantas e ofreceu bibliografía ilustrativa sobre o tema. A seguir mostrou de xeito práctico como facer xabóns tanto potásicos como xabóns de cinza. 
Esta actividade enmárcase dentro do programa cultural da Fervenza do Ouzande que organiza para o outono. 
Público atendendo ás explicacións de Montse

Obradoiro de xabón

Xabón de cinza

obradoiro de xabón

filtrando cinza

Obradoiro de xabón
Charla de Alicia Rey

16 de novembro de 2015

Xornadas sobre o coidado da horta, esta fin de semana en Ouzande:::

Esta fin de semana vanse celebrar no Local Social de Ouzande unhas xornadas sobre coidados da horta. A actividade organízaa a Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande dentro da súa programación de outono e está aberta a todos os públicos. Comeza o venres 20 ás 20,30h cunha charl-coloquio con Alicia Rey, versará sobre a protección natural dos cultivos da horta, sen produtos químicos agrevisos para a terra. Alicia Rey é a responsable de "Biosolutio", unha empresa de comercialización de produtos para o agro ubicada no Campo da Feira da Estrada. Alicia é tamén especialista en tratamentos para o campo con produos biosanitarios. A entrada é de balde e non precisa inscrición. As xornadas continúan o sábado ás 17.30h da tarde, desta volta cun obradoiro de xabón potásico e unha charla sobre plantas que curan. A responsable desta actividade será Montse Fernández, responsable da tenda Bio Casa Xorxeira que opera na Praza de Abastos da Estrada. A organización anunciou que para participar nesta segunda xornada cómpre inscribirse na Taberna de Ouzande (986570285) e ten unha cuota de 5€ para os non socios, sendo de balde para os asociados.
cartel da actividade

14 de novembro de 2015

Magosto e xogos tradicionais para dinamizar a Praza de Abastos

A Praza de Abastos da Estrada está a acoller unha serie de actividades deseñadas para dinamizar este renovado espazo da vila. Logo de varios anos pechada por obras,abreu e paseniñamente os distintos praceiros foron tomando os distintos postos. Desde o Concello da Estrada perfilouse unha programación especial para o outono que comezou a semana pasada e que durará até o 19 de decembro. Se o día 7 de novembro se promocionaron os cogomelos e os produtos que ofrece a Praza, hoxe foi a quenda dos xogos tradicionais que se ubicaron no exterior do mercado e no que participaron numerosos cativos; xogo da ra, bolos, mariola, carreiras de sacos, cordas ou zancos foron algunhas das opcións. Á entrada da Praza de Abastos ofrecíanse castañas asadas. Para a vindeira semana será a quenda da dieta atlántica cunha charla sobre os beneficios da compra galega. Para o sábado 28 haberá unha actividade sobre menús de fin de semana. Xa en decembro ofrecerán unha charla sobre menús de Nadal low cost o día 12 e unha Feira de Nadal o 19.
Paralelamente a estas iniciativas máis pensadas no público adulto, cada sábado de mercado ten unha iniciativa dirixida aos máis pequenos da casa, así o sábado pasado celebrouse un obradoiro de gominolas e para a semana será sobre alimentación saudable. Na semana do 28 outro sobre repostería creativa e no mes de Nadal un sobre entrantes e reposteria natalicia o 12 e outro sobre decoración da mesa de Nadal o 19.








9 de novembro de 2015

Callobre retoma as "Noites de Raíz":::

A parroquia de Callobre retomou o pasado sábado as súas "Noites de Raíz", unha proposta de lecer coa música tradicional como fío condutor que encetaron o ano pasado con éxito e que desta volta volverá ao Local Social da parroquia os segundos sábados de cada mes. Con esta iniciativa pretenden levar o "Folk de Raíz" alén do festival estival aos seráns invernais de Callobre. Desta volta a cita tivo numerosas sorpresas, posto que se completou cunha cea na que se degustou porquiño á brasa e tivo a animación do dúo cómico "As Lerchas" contra as 20.30h que puxeron en escena a súa "nova máquina" para risa e goce do público. A música correu a cargo dos Regatos e Pana Raiada, os primeiros da parroquia e os segundos de Santiago. A vindeira cita ha ser o próximo mes de decembro.
Público gozando da festa
A festa durou ata a madrugada
Degustouse porquiño á brasa
Servindo a cea
As Lerchas e a súa "nova máquina"
Pana Raiada

Santo André de Vea e Ouzande celebran o outono en sintonía:::

As boas condicións do tempo animaron ao numeroso público a achegarse ao Campo da Festa da parroquia ouzandesa.
A Fervenza de Ouzande convocou para o pasado sábado a tradicional "festa do outono", foi desde as 20.30h no Campo da Festa. Houbo castañas e viño de balde, así como chourizos e postres de outono elaborados polos socios.
No apartado musical actuaron Retrouso e Recanto de Ouzande e mailas pandereteiras Carabuñeiras de Santo André de Vea. A noite fíxose pequena para a celebración que se alongou ata a madrugada. O canto tradicional, a música e mailo baile puxo en relevo a boa relación entre os veciños de ambas parroquias que festexaron o outono en sintonía.
Público na festa do outono

Castañas e viño novo de balde

castañas

Retrouso

Dóces do outono

As Carabuñeiras de Santo André de Vea

Pandereteiras de Santo André de Vea
Música e baile ata a madrugada

4 de novembro de 2015

Ouzande celebra o magosto este sábado 7 de novembro:::

A parroquia de Ouzande celebra este sábado ás 20.30h a súa tradicional festa do outono. Esta actividade encádrase dentro da programación cultural da Fervenza de Ouzande que xa comezou con clases de música tradicional todas as fins de semana e un curso de labores relacionados co tecido.
A festa hase celebrar no Campo da Festa da parroquia e contarán coa animación de tres formacións musicais: Retrouso e Recanto de Ouzande e  o grupo de música tradicional de Santo André de Vea, AS CARABUÑEIRAS DE VEA. A gastronomía tamén ocupará un lugar destacado na festa xa que haberá unha exposición e degustación de froitos e sobremesas dóces da estación, elaboradas por socios da Fervenza de Ouzande. Esta degustación complétase cun servizo de bar e comidas como chourizos asados. A cita é ás 20.30h no Campo da Festa de Ouzande. 
imaxes de arquivo e cartel da actividade