25 de maio de 2015

Celanova será o novo destino da excursión anual da Fervenza de Ouzande::

O vindeiro domingo 31 de maio Ouzande marcha de excursión ás Terras de Celanova, trátase da 13ª excursión anual que organiza A Fervenza de Ouzande. Na viaxe está previsto descobrir os encantos da comarca celanovesa. Pola mañá visitarán a vila, o mosteiro e maila "Casa dos Poetas" que é a casa natal de Don Manuel Curros Enríquez. O xantar será de campo ao pé da igrexa da Virxe do Cristal, en Vilanova dos Infantes, localidade que visitarán durante a tarde xunto coa Torre de Homenaxe e mailas adegas de San Vivián. Antes de rematar subirán a Castromao, un impresionante xacemento arqueolóxico que coroa as terras de Celanova. Todas as visitas serán guiadas a cargo de persoal da Fundación Curros Enríquez, nunha xornada que arranca ás 9 da mañá na igrexa ouzandesa e para a cal xa está o aforo completo. De feito cubríronse todas as vacantes nun tempo récord de menos de dúas horas.
Vilanova dos Infantes
Casa de Manuel Curros Enríquez
Mosteiro de San Salvador de Celanova.
Cúpula da igrexa de San Salvador.

Tensa noite electoral na Estrada:::

Resultados electorais por número de concelleiros.
A xornada de onte, domingo 24 de maio, quedará na memoria local coma unha noite "de infarto" para os distintos grupos que concurrían ás eleccións municipais. E é que ata que chegaron todos os datos das mesas electorais non quedou clara a cor política da que se había tinguir A Estrada de cara aos catro próximos anos. Coa chegada dos datos da mesa do Teatro Principal completouse a contaxe. Deste xeito, o Partido Popular conseguiu os 11 concelleiros da maioría absoluta. José López volverá ser alcalde do municipio estradense nesta lexislatura. As reaccións non tardaron en manifestarse, na sede dos partidos respirouse incerteza ata o último minuto. O alcaldable polo PSOE, José Antonio Dono, con 8 concelleiros, anunciou tan pronto se coñeceron os resultados que deixará o seu labor no municipio estradense logo de 4 anos de alcalde e outros 4 na oposición. Mar Blanco, de MÓVETE, mostrou o seu malestar por estes resultados pero contenta por conseguir un concelleiro que lle dará a posibilidade de fiscalizar xa desde o Concello o traballo do grupo popular. O BNG pola súa parte conseguiu outro concelleiro quedando de cuarta forza política, Xosé Magariños agradeceu o apoio do electorado e anunciou outros catro anos de servizo á cidadanía. Ofelia Lema, de A Estrada PODE, non quixo facer declaracións tras uns resultados que non lle deixaron representación no Concello.
Durante a xornada electoral non houbo grandes incidentes a salientar. Na mesa da Casa da Música tiveron que paralizar as votacións por un erro dun votante que introduciu dous sobres. Na maior parte das mesas os resultados estiveron moi igualados, na mesa de Ouzande os resultados foron de maioría para o PP con 132 votos, PSOE obtivo 52, MÓVETE 35, BNG 11 e A Estrada PODE 6.

Andar e falar para celebrar as letras:::

Andar e falar, ese é o lema co que A Fervenza de Ouzande levou adiante un ano máis a Ruta das Letras, e así paseniño xa se cumpriu a décima edición desta orixinal maneira de celebrar o Día das Letras Galegas. Foron un total de 13 km polos carreiros dos montes tanto de Ouzande como da Somoza, con visita obrigada nos muíños da Fervenza, lagoas de Zo, encoro da Estrada ou ás instalacións de Monte Cabalar, así como ao Monte Pedroso. A ruta partiu ás 10 da mañá desde o cruceiro da igrexa e rematou no mesmo punto. Durante a camiñata tivo lugar un emotivo momento relacionado coas letras pois Manolo de Cabanas, emigrante ouzandés no Brasil, participou na camiñata e leu un poema da súa autoría dedicado a eses camiños e carreiros dos montes da parroquia que leva con moita morriña polo mundo adiante. E máis letras houbo tamén ao final, cando se agasallou ao nutrido número de sendeiristas con cadanseu libro. A próxima cita está previsto que se desenvolva desde Ouzande cara a Guimarei, será o vindeiro 7 de xuño.
Sendeiristas antes de partir.
Divisando ras na lagoa.
Camiñando cara ao Pedroso.
A ruta deu lugar a fermosos momentos.
Atravesando por entre as bestas.
Manolo de Cabanas no momento en que leu o seu emotivo poema.
Rematando a ruta.
Festa das letras no adro da igrexa de Ouzande.

12 de maio de 2015

Ouzande celebra a X Ruta das Letras o domingo 17:::


Cartel das rutas de primavera
"Andamos e falamos", A Fervenza de Ouzande continuará este domingo co programa “Imos andar”, realizando a décima edición das Ruta das Letras. Segundo veñen de informar, teñen previsto nesta ocasión realizar a "ruta dos carreiros dos montes e as lagoas". A saída será ás 10 da mañá da igrexa parroquial de Ouzande e regreso ao mesmo lugar ás 13:30. Ao tratarse do Día das Letras Galegas, agasallarán aos participantes cun libro en lingua galega. A próxima ruta será o día 7 de xuño que visitarán a veciña parroquia de Guimarei. O pasado día 1 de maio celebraron a primeira das rutas coincidindo co Día do Traballo, aínda que estaba previsto acceder á zona de Arcos de Furcos e do Río Gallo, a asociación tivo que suspender a actividade e realizar un roteiro máis curto a causa das malas condicións do tempo.
Este domingo a zona a visitar serán as Lagoas de Zoo, os montes de Ouzande e A Somoza, o Encoro da Estrada, a zona de Monte Cabalar, o Monte Pedroso, entre outros atractivos. A ruta ten unha duración de 3h e media e remata na igrexa de Ouzande, onde obsequiarán cun libro ás persoas que completen os 12 km da ruta.
Imaxe da ruta do 1º de maio