24 de febreiro de 2015

Ouzande celebra unha gran festa medieval:::

Público escoitando os cegos ante o Codex Calixtinus.

Na tarde do pasado sábado, a parroquia de Ouzande celebrou o Entroido transformándose nunha aldea medieval. A festa estivo organizada pola Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande que xa a programara para o día 14 pero desprazouna para o 21 a causa das intensas choivas. E o tempo nesta segunda volta acompañou, aínda que pola mañá o vento e as chuviscas poñían mala cara, a festa desenvolveuse con normalidade. 
Personaxes circulando pola feira medieval.
Vista da feira medieval.


A partir das cinco da tarde, o Campo da Festa estivo engalanado para a ocasión; varios postos de feira, decoración e música medieval convidaron a participar a cantos alí se achegaron. A primeira actividade foi un percorrido en tractor pola parroquia. Arrancaron por Alemparte e O Formigueiro para seguidamente visitar O Redondo, O Castro e mais o Tallo, a ruta rematou no Campo da Festa onde actuaron os "Cegos do Entroido". Vestidos para a ocasión, cantaron un romance que fixo alusión a distintas noticias dos últimos meses así como a feitos do entorno local coñecidos polos veciños que as escoitaron. Seguidamente o público gozou da feira medieval onde se podían tomar tes nun posto árabe, mercar trapillo, libros e mesmo grelos, chocolates, mel, xoguetes, dóces do "Reino de Portugal", marmelos... Chegada a noite, nova actuación dos Cegos do Entroido e cea medieval nunha taberna totalmente ambientada e que fixo as delicias dos festerios. Entre os personaxes que se deixaron ver na festa estaba unha boa representación do clero e da Santa Inquisición que ata desprazou a Ouzande un verdugo por se fixese falta. Campesiños, princesas, mercaderes, mesoneiras e guerreiros completaron o abano de disfraces.
Tamén estiveron presentes as altas instancias medievais, representadas polo rei Afonso X, O Sabio e o Arcebispo Xelmirez quen custodiou en todo momento o "Codex Calixtinus" que estivo exposto para que o público o puidese ver.
Tetería árabe na feira.
Personaxes na festa medieval.
O "trapillo" foi un dos produtos que estiveron á venda.
Escoitando atentamente as coplas dos Cegos do Entroido.
Un dos postos de artesanía e alimentación que houbo na feira.
Un "tractor medieval" transportou a aldea medieval por Ouzande.
Medievou fixo retroceder a aldea ao medievo.
Vista da feira medieval.
Posto de infusións árabes.
Feira en "Medievou"

18 de febreiro de 2015

O Entroido imponse ao mal tempo:::

O mellor Entroido do mundo é aquel que vive cadaquén e A Estrada non se rinde ante as inclemencias do tempo, así o luns e martes de Entroido don Carnal fixo gala pola bisbarra.
GUIMAREI NON DEFRAUDA
Foi unha das frases máis oídas este luns cando a parroquia de San Xiao celebraba a Santa Apolonia. A pesar da choiva e do frío, o Campo da Cruz encheuse coma todos os anos, a carpa que a organización preparou para a ocasión converteuse nun espazo multicolor onde por unha noite conviviron desde pitufos a osos, desde medievais ata góticos ou desde piratas ata monxes. Na Praza do Concello congregáronse os primeiros grupos de "entroidos" á espera do seu autobús que os había levar a unha noite de troula. Os grupos Limón e Mosaico animaron a velada que durou ata ben entrada a mañanciña. 
O Campo da Cruz estivo de novo a tope no Entroido de Guimarei 2015.
O LUNS DE ENTROIDO TIVO PREMIO
Ou mellor dito, premios; houbo tres categorías desde grupos ata individuais e parellas. Os gañadores na individual foi o "Prato de lentellas" que levou 50 euros. Con 30 foi premiada a "Fábrica de políticos" e con 20 a "Dama dos Gusanitos". Na modalidade de parellas o primeiro premio foi para "Beleza Animal" (100 euros), o segundo para "Novas Pragas" (75 euros) e o terceiro para "Os vellos de Couso tamén ven a TV" (50 euros), parella que tamén se deixou ver no Entroido de Couso. Finalmente, na categoría de grupos, o primeiro premio foi para a comparsa da "Volta ao Mundo en 80 días" que levou 400 euros, foi unha coidada comparsa proveniente de Portonovo que todos os anos participa neste concurso. O segundo, que estaba dotado de 200 euros, foi para unha animada comparsa titulada "As Galiñas Trouleiras" e que reproducía un completo galiñeiro, proviñan de Meis e tamén participan todos os anos nesta festa. Finalmente, o terceiro premio foi para "Bailando coas botas postas" que levaron 100 euros. Esta comparsa era da Estrada. O xurado estaba formado por Lucía Seoane (Concelleira), Sally Torres (coñecida humorista de Callobre) e Pedro Pérez (colaborador de radio). 
DEZ PARROQUIAS LOCEN COMPARSA O MARTES DE ENTROIDO
Na tarde onte, martes, o tradicional atranque dos Xenerais da Ulla que se realiza na vila estivo moi ben acompañado. Fíxoo co traballo de ata 10 parroquias da Estrada que crearon as súas carrozas e comparsas para desfilar polas rúas da vila. O tempo solleiro animou a participar a milleiros de persoas desta festa, aínda que o impoñente vento frío fixo que pronto cadaquén se refuxiase onde puido. Outro dos atrancos que tiveron as parroquias foi mover as súas carrozas logo do nefasto espectáculo vivido no entroido de Couso. Axudados por Protección Civil, levaron ata a Avenida Antón Losada todo o armamento de entroido para logo locilo pola Estrada. Moreira e Riobó convertíronse en sendos circos, Callobre trouxo á Estrada a mesma estatua do Cristo de Rio de Janeiro, cárceres con famosos, paparazzis, gharotas, autobuses e un sinfín de espectáculos provenientes de San Miguel de Castro, Oca, Lagartóns, Couso, San Xurxo de Vea, Arnois, Berres e Guimarei. Sondodance puxo música e cor oitenteira á festa.
Fotos de Ana Pereira.
OCA, SANTELES E OUZANDE CONTINÚAN A FESTA ESTA FIN DE SEMANA
A Estrada ben pode presumir de ter un dos entroidos máis interesantes de Galicia, pois a festa non remata hoxe mércores de cinza, senón que se estende á próxima fin de semana, cando Oca e Santeles celebren os seus atranques de Xenerais e Ouzande viaxe ao medievo da man de "Medievou".
 En Oca será este sábado 21 na escola da localidade, mentres que os xenerais de Santeles teñen unha cita tanto o sábado coma o domingo ás 19:00h. no Campo da Festa da parroquia. Ouzande tivo que suspender a festa medieval que tiña prevista para o pasado sábado a causa da choiva. Medievou será este sábado ás 16,30h cando no Campo da Festa ouzandés se congreguen os festeiros. A primeira actividade será un paseo en carrozas pola parroquia, sairán de 17h a 19h polos distintos lugares de Ouzande e levarán consigo os xa tradicionais "Cegos do Antroido" que lle darán un bo repaso á actualidade mundial, galega, estradense e ouzandesa. Xa ás 19h e no Campo da Festa haberá unha gran festa medieval con postos de artesanía, música medieval, merenda gratuíta e actuación de grupos folclóricos. Agárdase que a romería se alongue ata a noite.
Inicialmente estaba prevista para o sábado 14 pero vaise celebrar este sábado 21.

16 de febreiro de 2015

O "atranque" da Garda Civil desloce o Entoido de Couso:::

ORAZO PREMIOU OS SEUS DISFRACES
A noite do venres 1, en Orazo,  déronlle a benvida ao entroido cunha gran festa de disfraces. Estivo organizado pola comisión de festa de Santa Lucía e contaron coa atracción dunha orquestra e un grupo de música tradicional. Ofrecéronlle aos visitantes orellas e chourizos e premios para os disfraces máis divertidos.

GUIMAREI RECUPEROU O ENTROIDO INFANTIL
O domingo 15 e no local social de Outeiro, a Asociación de veciños Santa Apolonia recuperou o "Festival de Entroido Infantil", foi a partir das 16.30h e ofreceron agasallos aos pequenos que foron disfrazados. Cabe recordar que en 2014 non se puidera realizar esta actividade debido ás obras de reconstrución do local do Outeiro logo da súa destrución no nadal de 2013. O luns 16 a parroquia celebra a Santa Apolonia, ao mediodía acturán os gaiteros de Barbude e pola noite celébrase a multitudinaria verbena con festa de disfraces e premios para os que se inscriban. 

OUZANDE APRAZA "MEDIEVOU" PARA O SÁBADO 21
O mal tempo que está a protagonizar estes días de entroido motivou que A Fervenza de Ouzande decidise aprazar as actividades de entroido unha semana. Deste xeito, a parroquia celebrará a partir das 16,30 do vindeiro sábado unha "Festa Medieval", primeiramente percorrerán a parroquia e a partir das 19h no Campo da Festa terán instalada unha auténtica festa medieval, con postos de artesanía, alimentación, unha gran taberna medieval e moitas outras atraccións e sorpresas. Non faltarán os produtos de entroido cos que agasallarán aos festeiros nin actuacións musicais ao vivo.

CALLOBRE CELEBRA UNHA "NOITE DE RAÍZ" CON SABOR A ENTROIDO
Pana Raiada e Regato de Matamulleres puxeron a música ao entroido de Callobre. Foi o  sábado 14 no Teleclú e cadrando coas "Noites de Raíz" que se celebran todos os segundos sábados de cada mes. Tamén tiveron a visita duns cegos que tiveron a ben cantar para descubrir algúns asuntos curiosos da parroquia. Os organizadores ofreceron comida de entroido e bebida así como agasallos aos que foron disfrazados, estes completaron a festa con moito humor.

MONUMENTAL ENFADO EN COUSO POLO "ATRANQUE" DA GARDA CIVIL
O tradicional entroido de Couso viuse ensombrecido pola presenza de axentes da Garda Civil. O que en principio parecía unha visita para reforzar a seguridade nos atranques dos Xenerais, de contado se convertiu nun pesadelo, sobre todo para os organizadores que pese a ter pedidos todos os permisos, tiveron que prescindir das carrozas que prepararan con dedicación ao non estar habilitadas para o transporte de persoas. O enfado aumentou cando os propios axentes argumentaron que se estaban alí era para multar, ameazando con facerlle a proba de alcoholemia aos mesmos xenerais. A festa continuou a partir de aí a medio gas, sen carrozas e a pé polos distintos lugares de Couso e O Souto de Vea. Os atranques infantís foron os máis aplaudidos, e a medida que avanzou o día aumentou a participación da veciñanza que desafiou á constante ameaza da choiva para ver os debates dialécticos de Correos e Xenerais. As consecuencias deste "atranque" ao Entroido de Couso hase estender a outras parroquias que tiñan previsto participar este martes no entroido urbano da Estrada e que desta maneira non poderán saír dos seus lugares de orixe.
Preparando encontro no Souto de Vea.
Atranque no Campo da Festa de Couso.
Atranque no Campo da Festa de Couso.

A ESTRADA INSTALA UNHA CARPA PARA PROTEXER O ENTROIDO DA CHUVIA
Na Praza do Concello instalaron unha carpa que acolleu distintas actividades do entroido urbano ata hoxe e que se complementará cos desfiles de disfraces e atranques de Xenerais de hoxe e mañá.
XA o venres este espazo acolleu unha festa do grupo "irmandinhos da Estrada" e o SÁBADO unha festa infantil pola tarde, que se tivo que retrasar polo mal tempo. Pola noite houbo unha festa temática ambientada nos anos 60 e que contou coa actuación de "Micky" quen interaccionou cos asistentes. Ao remate a festa estendeuse polos locais de copas, que ofreceron premios aos que ían disfrazados. A Praza do Concello volveu ser escenario na tarde do domingo dunha festa para maiores e na que actuou un dúo musical. Arestora A Estrada mira ao ceo coa esperanza de poder celebrar o desfile que está previsto para as 17:00h. Mañá martes Atranque de Xenerais na Estrada e en principio está previsto que varias parroquias participen con comparsas e carrozas, aínda que nestes momentos os sucesos de onte domingo en Couso deixen no aire esta posibilidade. As parroquias que tiñan previsto participar son  Moreira, Riobó, San Miguel de Castro, Oca, Lagartóns, Couso, San Xurxo de Vea, Callobre, Arnois, Berres e Guimarei. Tamén se conta cun clásico no Entroido da Estrada, o Padre Xiao, quen non deixa títere con cabeza e a escola de música e baile Sondodance que animará a tarde.

OCA E SANTELES CONTINÚAN DE ENTROIDO O 21 E 22.
En Oca está previsto que estes sábado 21 o entroido se traslade á escola da localidade, mentres que os xenerais de Santeles teñen unha cita tanto o sábado coma o domingo ás 19:00h. no Campo da Festa. Estes entroidos compleméntanse cunha cea de comadres que se celebrou na vila e co baile de disfraces que lle ofrece o Recreo Cultural aos seus socios cada ano, foi o pasado sábado á noite.

10 de febreiro de 2015

Comeza a conta atrás para o Entroido de Guimarei:::

Guimarei xa está a ultimar os preparativos do Entroido que será o próximo luns 16 desde as 9 da mañá. Durante todo o día e toda a madrugada a parroquia celebrará a Santa Apolonia con disfraces, música e moito humor. Á 1 do mediodía celébranse os oficios relixiosos e  os Gaiteiros de Barbude actuarán na sesión vermouth. Ás 23h comeza a festa de disfraces que estará animada por dúas orquestras. Haberá concurso de disfraces e un autobús gratuito cada media hora desde a Praza do Concello que comezará á medianoite.

8 de febreiro de 2015

Gran festa medieval para celebrar o entroido:::

O vindeiro sábado 14 Ouzande celebra o Entroido ao tempo que regresa ao seu pasado medieval. Esta conxunción ten nome propio, Medievou. A Fervenza de Ouzande vén de presentar o fermoso cartel da festa de Entroido que se ha celebrar a partir das 16.30h. Polo momento non se coñece en profundidade o programa de actividades pero xa adiantaron que un moderno carro levará aos festeiros polos distintos lugares da parroquia para ao final celebrar unha gran festa medieval no Campo de baile. Entre outros atractivos desta actividade están as "Cegas do Entroido" que cantarán coplas de desafío pero ao xeito medieval. No lugar da celebración instalarase unha "taberna medieval" onde se servirán todo tipo de viandas e bebidas, tamén haberá unha pequena "Feira Medieval" con produtos de artesanía, libros ou alimentación. Os festexos completaranse cunha foliada popular na que acturá Retrouso. Seguramente que ao longo da tarde haberá oportunidade de ver interactuar unha chea de personaxes medievais que asisten atónitos á presentación do "Códice Clandestino". Esta é unha actividade gratuíta e aberta a todo o público polo que a organización anima a participar quen queira , iso si, vestidos para a ocasión. Seguraente non sexa preciso facerse con grandes disfraces, só un pouquiño de imaxinación para aproveitar teas e roupas vellas dos faiados.
Cartel de Medievou, o Entroido Medieval de Ouzande

3 de febreiro de 2015

A Fervenza de Ouzande celebrou a súa asemblea anual:::

Foi o pasado domingo ás 17h no Local Social da parroquia, no transcurso da mesma déronselle conta aos socios das contas e recordáronse as actividades realizadas coa proxección dun video. A cita comezou coa lectura dunha emotiva carta dunha socia e co recordo a un socio falecido recentemente e a quen se lle dedicou a xuntanza.
Segundo explicou a asociación, en 2014 foron máis dun milleiro de persoas as que participaron nas actividades da mesma, aumentando en diversas actividades que sumaron a vintena. Entre os proxectos destacaron que están traballando nunha nova edición da revista Carreiros e que teñen a intención en 2015 de sinalizar a contorna dos Muíños da Fervenza e editar un folleto. Ao remate gozaron da compaña e da conversa informal acompañada dun chocolate e vendo unha exposición cos traballos realizados nunha das últimas actividades da asociación, as manualidades do curso de trapillo, tear e ganchillo. Nos próximos días realizarán reunións informais para intercambiar experiencias no ámbito das manualidades no mesmo horario do curso recén rematado e teñen previsto celebrar un entroido temático o vindeiro sábado 14 que terá como fío condutor o mundo medieval, ao que a parroquia está tan ligado grazas á súa igrexa románica.

A cita comezou coa lectura dunha carta.
O Local Social estaba repleto de socios e socias que recordaron as actividades do último ano.
visionado dun video con fotos das últimas actividades.
Ao remate compartiron charla e chocolate

Unha nova vaga de frío fai que o inverno se instale definitivamente:::

A pasada fin de semana o inverno mostrou a súa cara máis amable, aínda que as previsións falaban de neve en cotas baixas, só os montes máis altos coma o Cábado mostraron os seus cumios algo nevados. Os que quixeron gozar da neve tiveron que desprazarse ata os cumios máis altos do Deza, onde callou a partir dos 700/800 metros de altitude.
Unha Vaga de frío fará baixar hoxe novamente os termómetros, será a antesala de tres ou máis días de tempo excepcionalmente frío. As zonas máis afectadas serán o Cantábrico oriental e o nordés peninsular pero Galicia non se librará das inclemencias do inverno, especialmente o norte de Lugo. En toda esta área haberá posibilidades de neve mesmo a nivel do mar. Mentres, as posibilidades de neve na nosa zona serán máis escasas, quedando a mercede do azar, xa que se van dar as condicións para que neve pero dependerá de como se conxuguen os factores metereolóxicos. A partir do xoves podería haber unha retroalimentación deste mal tempo invernal pero os prognósticos xa son pouco fiables. A medio prazo agárdase que remitan e que para a semana mellore o tempo, reducíndose tanto as precipitacións coma a presenza de nubes, deixando un bo tempo de cara ao entroido.
Imaxe de Rodeiro o domingo pola mañá
O Monte Faro permaneceu aberto a pesar da neve.
Pequenos e grandes aproveitaron para xogar coa neve.
As máquinas quitaneves afanárosne en ciscar sal e manter as vías libres.

Alto do Faro
xogando coa neve.
A néboa conxugouse coa neve nas zonas altas.
A pesar do mal tempo, puidose circular polas estradas.