25 de decembro de 2014

A golpe de camiñata para baixar a cea de Noiteboa:::

Así foi como decidiron celebrar o Nadal unhas 25 persoas que responderon á convocatoria da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande. Ás 10h 30 encontráronse fronte á Casa Porto, taberna de Ouzande para, mochila ao lombo, subir decididamente polo Monte de Ouzande. O obxectivo foi coroar o castro de Arcos, xa no veciño municipio de Cuntis, cousa  que sonseguiron facer contra as 12 do mediodía. A baixada fixérona polo encoro da Estrada para desviarse cara ao lugar no que nace a Fervenza da parroquia, o Rego das Rans, seguidamente visitaron o conxunto de muíños e pozos que conforman o espazo ecolóxico que dá nome á asociación para seguidamente acceder á igrexa parroquial onde gozaron dunha visita guiada, descubrindo algúns aspectos do románico ouzandés. Esta era a quinta edición da "Feliz Ruta de Nadal" e contou con moi bo tempo e ánimo por parte dos asistentes que percorreron 11.5 km en tres horas de andaina.
Camiñantes fronte a Casa Porto.
Algunha sorpresa desagradable onda o Punto Limpo da Estrada.
Subindo cara ao Castro.
Accedente á coroa do castro de Arcos.
No descenso.
A ruta rematou cunha visita guiada á igrexa románica de Ouzande.

24 de decembro de 2014

A maxia do Nadal instálase na Estrada:::

Os bos desexos que no Nadal se cruzan na rúa provocan que por uns días nos esquezamos dos problemas diarios e que creamos na maxia natalicia. E, se non, que llo pregunten aos que onte paseaban polas rúas da vila e se encontraron a Mónica de Nut ofrecéndose como perruqueira. A uns cortoulles as puntas e a outras pintoulles as uñas, iso si todo amenizado coa súa voz de soprano. Os viandantes, sorprendidos, compartiron a estreiteza da rúa cos coches e co frío do recén estreado inverno. Hoxe pola mañá feira e máis espectáculos de rúa e, pola tarde, é a quenda dun clásico do Nadal, o mesmo Papá Noel arrancará ás 18h 30 polas rúas e camiño do centro da terceira idade. Trala Noiteboa unha proposta diferente para celebrar o 25 de decembro, camiñar. Camiñar polos camiños dos montes de Ouzande, camiño do castro de Arcos da man da Fervenza de Ouzande. A partir do venres teatro infantil; Os tres tenedores, A Cantar con María Fumaça, Bloody e os Marys, Cu Cu Tas Tas, Dous Pallasos en Apuros.. e de aí ata os Reis máis Mónica de Nut, Peter Punk, César o Home Orquestra... E para acabar de facer a dixestión das pesadas ceas natalicias a San Silvestre que será o 31 de decembro polas rúas da vila. O Centro Xuvenil “A Estación” tamén organiza actividades, colándose entre os “papá noeles” a ritmo de breakdance (26 decembro 19h) ou facendo Skate na Praza do Concello (30 decembro) películas e pin pon (3 xaneiro) Nestes enlaces podes ao día de todas estas iniciativas: Programación Concello da Estrada e A Fervenza de Ouzande

Mónica de Nut
Ce Home Orquestra.
Decoración de Nadal na Praza do Concello.
Peter Punk.
Exposición de grafitis no Teatro Principal.

Sae á rúa o novo periódico mensual "O que hai":::

Esta mañá distrubuíase pola Estrada a nova gaceta informativa da Estrada e Cuntis. Co nome "O que  hai" sairá de novo á rúa cada último mércores de cada mes. Focaliza a súa atención nas noticias locais dos municipios estradense e cuntiense e tratará de dar información sobre as súas parroquias e xentes. O panorama informativo local enriquécese deste xeito co nacemento nos últimos días desta e doutra publicación en papel (Abarcarte), complementando os medios diarios (Faro de Vigo, La Voz de Galicia e El Correo Gallego) así coma os dixitais Catrogatos e Noticieirogalego. O nacemento desta publicación é ben recibida trala desaparición de Capicúa e Aestradanarede. Desde O Portal de Noticias desexámoslle longa vida.

Portada de "O que hai"

O editorial e primeiras páxinas da nova gaceta local.

23 de decembro de 2014

O camiño ecolóxico, unha saída para a economía da Estrada:::

O pasado venres 12 de decembro celebrouse no Local Social de Ouzande unha charla organizada pola Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande na que se deu a coñecer o traballo da Fundación para o Desenvolvemento Ecolóxico de Galicia. Podería ser a saída á nefasta situación económica da Estrada? Pois si, tal e como explicaron tres dos membros desta fundación que se achegaron á charla, a nosa comarca ten os factores precisos para ser "paraíso ecolóxico"; un territorio pouco contaminado, especies autóctonas moi resistentes ás pragas e produtivas. Nicolás Andión, presidente da Fundación explicou o nacemento e funcionamento desta entidade que investiga cales son as especies máis rendibles economicamente e que menos traballo dán. Trátase de revisitar a temática da produción ecolóxica desde unha perspectiva máis práctica e moderna, levando as potencialidades da nosa contorna ao mercado capitalista. O primeiro paso que deron foi contactar con empresas de comercialización da alimentación para garantir a saída dos produtos e sobre todo un prezo mínimo. A partir dese incio introducíronse na sidra, na mazá de mesa, oliveiras, nogueiras, horta, castiñeiro... e mesmo experimentan con especies coma o pistacho. Manuel Barcala deu unha visión moi práctica de como están traballando, dos problemas que se presentan cos zudres ou a chuvia ácida. Alfonso Uzal, xerente da Fundación explicou como investigan coas sementes desde o seu punto de partida en Moreira e como están levando a produción ecolóxica a moitos puntos de Galicia. De momento quen teña terras sen producir non ten máis que poñerse en contacto con eles, o primeiro é ver que tipo de cultivo ecolóxico é o máis axeitado ao terreo e logo os coidados que lle hai que dar para ter un complemento económico ou mesmo para dedicarse de cheo á produción ecolóxica.
Xabier Camba, presidente da Fervenza de Ouzande, presentando o acto. 
Nicolás Andión, Presidente da Fundación

Alfonso Uzal, Manuel Barcala e Nicolás Andión

Alfonso Uzal, Manuel Barcala e Nicolás Andión

Venden na Estrada un billete da Loteria de Nadal premiado con 125.000 euros:::

A Administración de Loterías número 1 da Estrada, ubicada na céntrica rúa Calvo Sotelo vendeu o billete agraciado co segundo premio da Lotería de Nadal. Contra a unha do mediodía personábase o agraciado na oficina vendedora para descubrir alí que o seu billete se correspondía co 92.845 e que, polo tanto, estaba premiado con 125 mil euros. O afortunado é un coñecido veciño de Couso, especialmente no mundo da pesca deportiva local.

Instalado o tradicional nacemento na igrexa de Ouzande:::

Na igrexa de Ouzande xa é posible visitar o tradicional Belén que coma todos os anos se instala ao pé do altar de Santo Antonio. Desta volta a novidade reside na distribución das figuras. Un regato divide o nacemento en dúas áreas, sendo a da esquerda a que alberga o Portal de Belén coas figuras dos Reis Magos mentres que a outra zona está coroada polo Castelo de Herodes e diversas figuras que representan os pastores. 
Esta personalización do Nadal xa se daba na época romana, como testemuñan diversos vestixios arqueolóxicos recollidos en Italia. A popularización do Nacemento será dentro do ámbito católico no medievo itálico, tal e como evidencian as historias de Francisco de Asis quen no século XIII reuniu en Greccio (Italia)  aos seus veciños para celebrar unha misa de noite. No século XV xa se estendera por toda a Península Itálica. En España foi tradición aristocrática a partir de Carlos III (século XVIII) e posteriormente estendeuse a nivel popular, tal e como acontece en Ouzande.






22 de decembro de 2014

De ruta de sendeirismo para celebrar o Nadal:::

Comezan as festas de Nadal e xa está todo listo para a Ruta que desde hai cinco anos organiza A Fervenza de Ouzande baixo o nome Feliz Ruta de Nadal. Será este xoves, 25 de decembro entre as 10h.30 e 13h.30 polos camiños dos montes de Ouzande cara ao castro de Arcos de Furcos, xa no veciño municipio de Cuntis. Con esta actividade dá inicio a programación de inverno da asociación ouzandesa logo dunha intensa actividade outonal. Esta ruta é totalmente gratuíta e non é preciso ser socio para participar. Chega con estar diante da igrexa parroquial de Ouzande este xoves ás 10h.30. O obxectivo será coroar o castro de Arcos, un promontorio rochoso sen escavar desde o que se divisan unhas fermosas vistas sobre o val da Anllada. Para acceder a este lugar atravesarase Ferreiros polo "camiño dos lobos", un espazo que de seguro fará revivir lendas antigas na memoria dalgúns. Tamén teñen previsto pasar pola Fervenza que dá nome á asociación e na que se visitarán os muíños e pozos. Ofrecemos o video realizado polo PORTAL en 2013 con motivo da IV Feliz Ruta de Nadal.
Feliz Ruta de Nadal de 2013. Arquivo do Portal de Noticias.
Video da IV Ruta de Nadal celebrada o pasado 25 de decembro de 2013

16 de decembro de 2014

Callobre comeza as "Noites de Raíz", unha foliada mensual:::

A vella escola de Callobre iniciou o pasado sábado 13 o certame "Noites ...de Raíz", unha iniciativa que permitirá que cada segundo sábado do mes haxa unha cita co folk na comarca. Desta volta contaron coa colaboración de gaiteiros "Os Sin Son" e mais das dúas formacións ouzandesas, Retrouso e Recanto. A actividade estivo aderezada con servizo de bar e popieciou que houbese festa ata ben entrada a madrugada. 
fotos O Regato de Matamulleres




11 de decembro de 2014

"Camiño Ecolóxico", charla sobre produción e consumo ecolóxico no Local Social de Ouzande:::

O Local Social de Ouzande acolle mañá unha charla da Fundación para o Desenvolvemento Ecolóxico de Galicia. A actividade é gratuíta e aberta a todo aquel que queira informarse dos camiños que hai actualmente para a produción e consumo de produtos ecolóxicos.
A cita é ás 20.30h e estará presidida por membros desta Fundación. Segundo indicou A Fervenza de Ouzande, organizadora do evento, o obxectivo da mesma é explicar as vantaxes actuais de dedicar os terreos particulares a cultivos ecolóxicos. Este tema xera na actualidade moito interese na zona, debido á grande cantidade de terreos sen cultivar e polo tanto sen produción económica. Explicarán que tipos de cultivos son máis adecuados para cada terreo e solventarán as moitas dúbidas que crea este sector en auxe, tanto polo compromiso medioambiental da veciñanza como polo interese de poñer a rendir as veigas que actualmente están abandonadas.