27 de novembro de 2014

Cinco anos atrás da noticia local:::

O PORTAL DE NOTICIAS cumpre hoxe cinco anos. O 27 de novembro de 2009 publicábase a primeira entrada anunciando o arranque dun blog de noticias que naquel momento aínda non tiña nome "Nace www.ouzande.blogspot.com, un espazo para a información de Ouzande". Co tempo foi tomando forma e nome, primeiro O Portal, logo O Portal de Ouzande e, finalmente, cadrando con este quinto aniversario pasou a denominarse "Portal de Noticias". Os contidos tamén foron in crescendo a medida que aumentaba a audiencia. Os temas relativos á parroquia de Ouzande non deixaron de ser os protagonistas, pero nos últimos anos aumentou a xeografía informativa cara a outras parroquias veciñas. Persoas, actividades, sucesos... todos eles de carácter local e con interese informativo foron os protagonistas neste cinco anos de andaina. A audiencia aumentou sobre todo a medida que se deu a coñecer nas redes sociais, na actualidade o Portal ten un espazo en facebook desde o que redirixir as noticias máis destacables. En canto os asuntos máis lidos, este sería o ranking das cinco noticias que neste tempo se colocaron no top de visitas: 
5. Ouzande botouse a andar (13.10.2013)
4. A Estrada recibe a primavera con "Cantos de Taberna" (22.03.2014)
3. Pesar polo falecemento de Don Olimpio (25.11.2014)
2. Ponte da Constitución pasada por auga en Ouzande (09.12.2009)
1. Callobre despide a Santa Margarida ao ritmo da Funçao Pública (21.07.14)
O Portal de Noticias serviu neste tempo para conectar lectores de todo o mundo, é curioso que unha parte importantes de lectores proceda do estranxeiro, por orde estes serían os países que máis o len: USA, Rusia, Portugal, Alemaña, Brasil, Francia, Ucraína, Reino Unido, Países Baixos, Polonia e Andorra.
 Este medio é un blog editado por Manuel de Topete, unha iniciativa privada, particular e altruísta que non conta con ningún tipo de ingresos nin públicos nin privados e que procura ofrecer información mediada de canto acontece no entorno máis próximo.
Primeira noticia publicada polo Portal de Noticias en 2009
Imaxe actual do Portal

25 de novembro de 2014

Teatro en Arca este domingo 30 ás 18h:::

Cartel do espectáculo.
O vindeiro domingo 30 ás 18h celebrarase na parroquia de Arca unha función de ERAN OUTROS TEMPOS, OU NON? da copañía estradense Disfunción Continua. Trátase dunha comedia que está a ter moito éxito de público. É unha reflexión do mundo educativo actual desde a comparación coa escola de hai anos. Cinco mulleres reúnense diante do público para recordar algúns dos episodios escolares que marcaron as súas vidas. A obra xoga entre dous planos temporais; o actual e mais aquel inesquencible curso de 1956-1957 nunha escola de nenas. Escena a escena imos coñecendo as clases de matemáticas, relixión, ximnasia, formación cívica, labores, economía doméstica e revivindo as ensinanzas nos valores propios da época. As alumnas buscan recursos para memorizar e evitar ser reprendidas polos mestres, fan unha visita escolar á emisora local e mesmo reciben a visita do inspector. Esta función celébrase a seguir da representación de Luou (Teo) que encheu o Edificio Social da localidade e que tivo moito éxito, enchendo o local de risas durante os 80 minutos da obra. Para quen aínda non puidese ver esta peza teatral que está arrasando alí por onde vai, a de Arca constitúe unha importante oportunidade .
Clase de relixión.
Visita á radio escolar.
Nenas protagonistas de Eran outros tempos, ou non?

Pesar polo falecemento de Don Olimpio:::

Don Olimpio Arca Caldas.
A pasada madrugada falecía na Estrada, aos 86 anos de idade, Olimpio Arca Caldas. A capela ardente do mestre e incansable investigador local está instalada no Tanatorio San Paio.
O funeral celebrarase mañá mércores ás 16:30h na igrexa parroquial da Estrada.  Desde mediados do século XX, Don Olimpio foi mestre de varias xeracións de estradenses desde que comezou a impartir docencia na escola de Couso. Estivo á fronte do Museo do Pobo Estradense e levou adiante numerosas investigacións sobre o pasado histórico e cultural da bisbarra. Entre outras, destacan os artigos publicados en xornais locais e posteriormente editados baixo o título Rueiro histórico da vila da Estrada  sobre a historia do nomenclator das rúas da capital municipal. O entroido da Ulla foi outro aspecto que tratou de investigar e prestixiar dando charlas e publicando obras sobre os Xenerais. A figura de Waldo Álvarez Insua tamén foi abordada nunha biografia, dando a coñecer este histórico benefactor local. A festa dos Pereiriños, a figura de María Isaura, emigrantes sobranceiros da comarca, a tradición carpinteira da Estrada atópanse entre un longo etcétera de temas abordados polo ilustre mestre. Don Olimpio foi un promotor do teatro escolar nos anos 70 e autor de numerosas pezas escolares neste xénero. Na actualidade restrinxira o seu labor por motivos de saúde cara á súa faceta de conferenciante. Precisamente unha das súas últimas charlas abordaba a figura do inventor de curantes Don Ramón Verea. Nesa charla chamaba a atención sobre o feito de que non coñezamos a este insigne veciño que no século pasado camiñou mundo e inventou nin máis nin menos que a calculadora tal e como a coñecemos agora. "Sempre nos ocultaron as cousas" dicía Don Olimpio en relación á nosa cultura, á nosa xente. Nunca se deixou por parte dos poderes que progresáramos. É tempo de deixar de ser ignorantes e progresar. Con esta mensaxe do propio Don Olimpio e a xeito de aprendizaxe recordamos a súa figura.
Charla sobre Ramón Verea en Ouzande (maio 2010)
Don Olimpio, nunha charla no IES Manuel García Barros.
Portadas dalgunhas das súas obras.

20 de novembro de 2014

O Velis Nolis anuncia o seu peche tras un exitoso obradoiro de cociña de outono en Ouzande:::

Este martes celebrábase no Local Social de Ouzande un obradoiro de cociña impartido por Jaume García, do restaurante Velis Nolis. Esta actividade, organizada pola Fervenza de Ouzande, encádrase dentro da programación cultural do outono da parroquia. A pesar de que a actividade tiña un custo de 3€ para socios e 5€ para non socios, o local ouzandés estaba repleto. Unhas 30 persoas seguiron con atención as indicacións do chef catalán que cociñou varios pratos, todos eles cun fío condutor moi específico, a cociña do outono. Ao remate o público puido degustar os pratos elaborados in situ. 
Por outra banda, hoxe, facíase público que o restaurante Velis Nolis que rexenta Jaume García desde hai 14 anos ha pechar as súas portas o próximo día 1 de xaneiro. Pasarán así á historia en 2015 os pratos tan característicos deste establecemento, creados sempre a partir de materia prima local pero con elementos innovadores: salteados de verduras de tempada, solombo de porco con romeu e prebe agridoce e froitas, carpaccio de carne de vaca, foie de pato, toras de pescada ao forno con pataquiñas, cebola e tomate, fideos chineses salteados con lagostinos e salsa de soia...

Fotos: A Fervenza de Ouzande




17 de novembro de 2014

Tarde entre fogóns en Ouzande:::

Cartel da actividade.

O Local Social de Ouzande acolle este mércores 19 ás 20h un curso intensivo de cociña. Trátase dunha actividade máis do programa de outono da Fervenza de Ouzande e consistirá nunha ponencia práctica de Jaume García do Restaurante Velis Nolis da Estrada e que terá como fío condutor a estación outonal. Así, elaborarán platos a base de castañas e cogumelos. Esta é a segunda vez que realizan este workshop de cociña de tempada en Ouzande, a primeira vez foi en febreiro de 2012 e tivo moito éxito polo que este ano repiten coa cociña. A actividade ten un custe de 3€ para socios, aínda que está aberta a todo o público que queira asistir, cunha entrada de 5€. O curso-express ten unha duración de 2 horas, polo que rematará ás 22h. Ao final, os platos cociñados serán degustados polos participantes. Hai prazas limitadas, polo que cómpre anotarse antes de que se agoten, pódese facer en Casa Porto (Taberna de Ouzande) ou chamando ao teléfono 986570285.

Imaxe de arquivo, febreiro 2012 no primeiro curso de Jaume en Ouzande.

Luou volve ao franquismo:::

A parroquia teense de Luou tivo a oportunidade de regresar á época franquista a través dunha escola de nenas e grazas á compañía de teatro estradense Disfunción Continua. Todo estaba listo onte ás 18h para que se levantase o pano e comezase a función cun salón totalmente cheo. A obra contaba como era a escola que vivenciaran cinco mulleres na súa nenez, aló polo 1957. Repasaron todas as materias desde as matemáticas e ata a educación física pasando polos labores da Sección Feminina ou a vista á radio local ou a inesperada chegada do inspector á escola. Foron moitos os momentos que conmoveron ao público que oscilaba entre a tensión á gargallada en custión de segundos.
Esta obra enmárcase dentro da programación do Mes do Teatro que organiza a Asociación Cultural A Mámoa e que rematará o próximo domingo á mesma hora coas Fillas Bravas de Chévere Teatro.









Santo André de Vea ríndese ao encanto do tradicional:::

Santo André de Vea rendiuse unha vez máis ao encanto do tradicional. A Asociación de Mulleres Rurais da parroquia organizaba a "IIª Fuliada" nas inmediacións da casa-escola, próxima ao lugar de Celeirón. Nunha carpa, instalada para a ocasión daba inicio contra as 21h a festa. Participaron as Ruadeiras de Loimil,  Os de Couso, O Recobio de Vaamonde, as pandereteiras Carabuñeiras, Retrouso, Xarandeira de Cesures, Coto da Nai, Tamparrantán de Vea e Milgrandeira. Aínda que estaba prevista a actuación de Recanto, este grupo tivo que ser substituído por Retrouso por non poderen acodir a causa de problemas de saúde. Os grupos gozaron da convivencia, de pinchos ofrecidos pola organización, quen tamén tivo a ben ofrecer diversos manxares aos festeiros. A festa foise prolongando cara á madrugada con rodas de baile improvisadas e co bo sabor do tradicional que unha vez máis lociu en Santo Andrés de Vea.
Carabuñeira
Retrouso
Un dos grupos de festeiros que se animaron a bailar.
Retrouso
Xarandeira
Xarandeira

Milgrandeira

12 de novembro de 2014

Disfunción Continua actúa en Luou este domingo:::

Cartel da obra
A Compañía de teatro amador estradense Disfunción Continua actuará este domingo 16 ás 18h no Edificio Social de Luou (Teo) Esta función enmárcase dentro do XVII mes do teatro que organiza a Asociación Cultural A Mámoa de Luou. As actividades da presente edición comezaron o pasado domingo cun obradoiro de teatro e rematarán o día 23 cunha función de Chévere. A entrada é de balde.
A obra que representarán os estradenses é Eran outros tempos, ou non?, unha comedia na que cinco mulleres se reúnen diante do público para recordar algúns dos episodios escolares que marcaron as súas vidas. A obra xoga entre dous planos temporais; o actual e mais aquel inesquencible curso de 1956-1957 nunha escola de nenas. Escena a escena imos coñecendo as clases de matemáticas, relixión, ximnasia, formación cívica, labores, economía doméstica e revivindo as ensinanzas nos valores propios da época. As alumnas buscan recursos para memorizar e evitar ser reprendidas polos mestres, fan unha visita escolar á emisora local e mesmo reciben a visita do inspector.
Un momento da representación.
Cinco mulleres recordan os seus tempos nunha escola de nenas.

11 de novembro de 2014

Santo André de Vea acolle a IIIª Fuliada de Música Tradicional:::

O vindeiro sábado 15 de novembro, San André de Vea converterase de novo na gran catedral da música tradicional. A festa comeza ás 21h e contará co seguinte elenco de formacións musicais: Recanto, que é o grupo de canto tradicional da Fervenza de Ouzande, o grupo de pandereteiras As Ruadeiras de Loimil, o grupo Milgrandeira, a formación Xarandeira de Cesures, o grupo de música Os de Couso, O Recobío de Vaamonde (Teo), o grupo da parroquia de Aríns en Santiago Coto da Nai, Tamparrantán de Vea e mailas pandereteiras Carabuñeiras,  Algunhas destas formacións xa participou na edición na IIª edición en 2013. A festa está organizada pola Asociación de Mulleres Rurais de Santo André.

Recanto na IIª Fuliada (2013) Imaxe de arquivo.


Recanto actuando en 2013. Imaxe de arquivo

Ouzande celebra unha grande festa do outono

O pasado sábado o Local Social de Ouzande acolleu unha grande festa do outono. As actividades comezaron pola tarde, contra as 18h o local comezou a ser un ir e vir de nenos e adultos que deron renda solta á súa imaxinación coa creación de xoguetes tradicionais relacionados co entroido; bonecos feitos con landras e palillos, bois de carozos, subiotes con cascas de landra, bonecos a base de castañas, animaliños contruídos con landra, carros ou castelos foron algunhas das producións que se foron facendo ao longo da tarde. Contra ás 20.30 xa estaban os asadeiros preparados coas castañas e chourizos que fixeron a delicia dos moitos asistentes que se animaron a apasar unha agradable velada entre veciños. O grupo de canto tradicional Recanto fixo as delicias dos asistentes cun divertido recital. Estiveron acompañados por Retrouso e xente que voluntariamente fixo soar algún instrumento incitando mesmo ao baile tradicional. Tralo recital de Recanto houbo unha degustación de distintos dóces que elaboraron as socias da Fervenza de Ouzande, organizadora do evento.

Un momento do obradoiro de xoguetes tradicionais do outono.
zona do asado de castañas e chourizos.
Recanto fixo as delicias do público.
Degustación dos dóces do outono.


Guimarei reinaugura o local social do Outeiro cun magosto:::

O pasado sábado 8 de novembro ás 21h a Asociación Santa Apolonia de Guimarei reinaugurou definitivamente o remozado local social do Outeiro despois de case un ano de obras tralos destrozos ocasionados por un temporal na noiteboa de 2013. Ao acto asistiron numerosos veciños e representantes do Concello da Estrada. Consistiu nunha cea de magosto con diversos manxares da época e contaron coa animación dunha agrupación de música tradicional. A asociación veciñal de Guimarei quixo agradecer a veciños, empresas e institucións polas axudas prestadas para facer realidade a recuperación da edificación. Actualmente estanse a desenvolver dous cursos e as actividades normais da veciñanza así como os ensaios da compañía  de teatro amador Disfunción Continua.
Imaxes da AA.VV. Santa Apolonia de Guimarei e arquivo do Portal de Noticias
Aspecto exterior actual do local do Outeiro de Guimarei.
Un momento da festa.

Imaxe do local tralo temporal en decembro de 2013.
Os veciños gozaron de música tradicional e distintos manxares.

8 de novembro de 2014

Sinerxía encheu o Principal da Estrada:::

A experiencia da gravación dun disco en directo congregou sobre as táboas do Teatro Principal na noite de onte ao cuarteto Sinerxía xunto con 28 músicos máis que os arrouparon ao igual que as máis de 300 persoas que abarrotaron as butacas do Principal. O disco "Sinerxía UN+UN=TRES" xa está gravado. Foi todo un espectáculo minuciosamente orquestrado e que durou algo  máis dunha hora máxica de música en estado puro. Miguel Carbajal, un dos creadores de Sinerxia mostrábase contento polo resultado e pola resposta do público, foi el o encargado da guitarra, na percusión estivo Noli Torres, Javier Rabanal no contrabaixo e a voz de Lucía Azurmendi complementáronse coa axuda de moitos outros músicos: o cuarteto Carlos Barruso, un coro de mozos e mozas do IES Manuel García Barros, Santiago Plácido, as cantareiras, bailadores e pandereteiras de Tequexetéldere e músicos de corda e violín amigos de Sinerxía. A engranaxe da gravación completouse coa calor do público que encheu o local e aplaudiu a rabiar. Agora toca esperar a poder escoitar o CD e DVD.

Fotos: Concello da Estrada vía Twiter