26 de outubro de 2014

"Podemos" celebra unha asemblea no Local Social de Ouzande:::

O pasado venres 24 de outubro, o local social de Ouzande acolleu unha asemblea da formación polícitica "Podemos". Esta reunión aberta pretendía ser unha presentación da formación de cara á veciñanza, ao tempo que pretendían valorar os problemas da parroquia cos propios veciños e veciñas. Esta é a segunda asemblea que realizan nunha parroquia, tras presentarse en Callobre.
cartel da convocatoria

21 de outubro de 2014

O curso de "tear, trapillo e ganchillo" comezará o próximo martes 4 de novembro:::

O curso de "tear, trapillo e ganchillo" comezará o martes 4 de novembro e en horario de 20 a 22h. Así se concluíu que fose na reunión organizativa desta actividade que convocou a Fervenza de Ouzande o pasado domingo 19 ás 18h. Nesta xuntanza presentouse á profesora, María Gaiteiro, propietaria de "Nobelo a nobelo" (Galerías 2000, A Estrada) quen explicou cales son as oportunidades que ofrecen as artes do tear de bastidor e as técnicas de trapillo en cañamazo ou ganchillado. Á reunión acodiron un nutrido grupo de persoas interesadas, tendo a oportunidade de matricularse in situ no curso, cubrindo as vacantes ofertadas. A duración deste curso é de tres meses, polo que se estenderá ata finais de xaneiro, todos os martes de 8 a 10 do serán.

Alfombras realizadas en trapillo
materiais e mostra dalgunhas cousas que se poderán facer no curso.

María Gaiteiro explicando como se traballo no tear de bastidor.
Na presentación mostraron como funciona o tear.
Alfombra de trapillo co cañamazo á vista.
Presentaron alfombras de gran tamaño coma esta en trapillo.

20 de outubro de 2014

Alarma polos vertedoiros incontrolados ao pé do punto limpo da Estrada:::

Un dos vertedoiros incontrolados.
Camiños e parcelas próximas ao punto limpo da Estrada cheos de residuos. Na zona pódense ver estos de electrodomésticos, cascallos de obra, mobles ou pneumáticos. 
As inmediacións do Punto Limpo e do Matadoiro Comarcal da Estrada estanse a converter nos últimos anos nunha especie de escaparate de todo tipo de residuos urbanos. Os que máis esparcidos están son os restos de electrodomésticos, en concreto as carcasas de lavadoras, frigoríficos, lavalouzas ou conxeladores, pero sen ningún resto de compoñentes electrónicos como cables ou motores. Un dos materiais de cor amarela que cae desas carcasas aparece cada vez máis ciscado por camiños e parcelas. A medida que camiñamos pola zona do Monte de Ouzande, podemos ver restos de pneumáticos ou cascallos de obra, algúns perfectamente organizados en bolsas do lixo ou almacenados en moreas de azulexos ou tellas. Mobles, plásticos e latas completan tan desagradable exposición.
Hai anos, cando o vertedoiro comarcal se situaba no Monte do Alto da Cruz, o problema eran bolsas de lixo que os animais esparexían pola zona, coa clausura deste punto de recollida e queima de lixo urbano, o problema foi desaparecendo, máis aínda cando se abriu o Punto Limpo da Estrada. Pero a medida que foron pasando os anos, esta zona volveu ser obxectivo dos desperdicios fóra de lugar. 
As causas que nos apuntan os veciños pódense clasificar en tres focos, por un lado todo apunta a que hai persoas que acodan ao Punto Limpo fóra de horario e deciden deixar os seus despoxos nos camiños próximos. Outro foco pode ser que non existe na zona un punto de recollida de restos de obra, polo que as persoas que realizan pequenas reformas e non saben como tratar estes residuos incumpren as normativas medioambientais deixándoos nas inmediacións do Punto Limpo. Un terceiro foco pode estar naqueles que recollen chatarra polas casas e deciden deixar os restos que non poden aproveitar. O caso é que todas estas accións son constitutivas de delitos que a administración pode penar con cantidades millonarias.
O Punto Limpo da Estrada está aberto os xoves e venres de 9 da mañá a 1 do mediodía e os sábados de 10 da mañá á 1 do mediodía e de 4 a 7 da tarde, sitúase no lugar de Penerada, xusto detrás do Matadoiro Comarcal. Os residuos poden ser levados por conta propia sempre que non teñan natureza industrial e só hai que deixar os datos persoais e os datos da natureza do residuo a almacenar. Existe un teléfono para solventar dúbidas (649490623).
Ata o momento, o Concello da Estrada ten retirado moitos dos restos do monte, pero os vertedoiros propáganse constantemente, incluso por parcelas e camiños de Ferreiros, xa no veciño concello de Cuntis. Ademais a zona está sendo escollida nos últimos tempos por múltiples deportistas que desexan conectar co medioambiente preto do casco urbano da Estrada, pero os corredores, ciclistas ou camiñantes teñen que tropezarse con esta estampa pouco atractiva do monte de Ouzande.

Polos camiños espállanse os restos do lixo.
Materiais de obra perfectamente embalados en sacos de lixo.
Estampa pouco turística no monte de Ferreiros.
Os lugares escollidos teñen fácil acceso.
Carcasas de electrodomésticos.
Estampa outonal frecuente na pista de Zoo

19 de outubro de 2014

Renovan o tendido eléctrico en Ouzande:::

Nos útlimos días operarios dunha empresa privada están renovando o sistema de tendido de baixa tensión da parroquia. De momento xa se ven os novos postes de formigón, máis altos que os antigos e máis alonxados entre si. 



Conservas de alimentos e pintura en tea na parroquia de Guimarei:::

O local social do Outeiro, en Guimarei, acollerá a partir do próximo mes de novembro dous novos cursos. Trátase de dúas accións formativas que se desenvolverán paralelamente. Cada curso terá unha duración de 30 horas e un prezo de 6€. O de "Pintura en tea" comeza o día 5 e o prazo para anotarse remata este xoves 23 de outubro. O de "conservación de alimentos" consiste en aprender a realizar conservas artesanais, comeza o 6 de novembro e é posible anotarse no propio curso ou ata o día 3 chamando aos teléfonos da entidade organizadora destas actividades que é a Asociación de Veciños Santa Apolonia (696579417-649766064)


Conservas de alimentos.

Pinturas en tea.


14 de outubro de 2014

O local social de Ouzande acollerá o curso "Tear, Ganchillo e trapillo":::

A profesora, María Gaiteiro, impartindo outro curso.

Haberá unha reunión para presentalo, anotarse e decidir o horario este domingo 19 ás 18h.


Este domingo, o local social de Ouzande acolle unha reunión convocada pola Asociación Cultural A Fervenza co fin de presentar unha nova actividade deste "outono cultural". Trátase dun curso de "Tear, ganchillo e trapillo". Segundo informaron fontes da organización, nesta xuntanza explicaranse os "contidos do curso, así como os prezos do mesmo e as datas nas que se realizará". Esta técnica de tecido permite a construción de tapetes, manteis, cobertores ou alfombras sen precisar grandes medios. O curso está dirixido a todo tipo de públicos e aberto a quen non sexa socio da entidade. Esta actividade conta con prazas limitadas polo que cómpre que as persoas interesadas acudan á reunión.
Cartel da actividade.

12 de outubro de 2014

Paseo de outono desde Ouzande ata Castrorramiro:::

Foto de grupo dos sendeiristas.
O outono foi o fío condutor da ruta que esta mañá levou a unhas 15 persoas a percorrer os montes das parroquias de Ouzande e A Somoza. Saíron ás 10 da mañá da igrexa ouzandesa en dirección á Fervenza, onde visitaron os muíños e o Pozo. Atravesaron polo monte de Ouzande por diversos camiños onde gozaron da estación outonal, sobre todo pola diversidade de cogomelos pero tamén con diversos detalles que se foron atopando coma por exemplo un nespereiro. A ruta discurriu baixo os carballos da Somoza para desenvocar no lugar de Castrorramiro. A volta fíxose por outros lugares da Somoza para entrar en Ouzande polo Topete e finalizar sobre a 1 e media do mediodía no mesmo punto de partida. En total foron uns 12 quilómetros os que percorreron os sendeiristas nesta II Ruta do Outono, organizada pola Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande.

Foto de grupo na saída.
O grupo atravesou a contorna dos muíños da Fervenza.
A Ruta cruzou o Pozo da Fervenza.

Foto de grupo na Fonte da Somoza.


Aplausos no Teatro Principal para D.E.P.:::

O Teatro Principal da Estrada acolleu esta fin de semana dúas representacións de D.E.P., a última produción de Malasombra Teatro. As funcións foron o venres e o sábado ás 21h e deixaron moi bo sabor de boca no numeroso público que asistiu á cita. Xoque Carbajal e Jouse García encarnan a Carlos e Fran, dous irmáns que inician unha discusión pola herdanza ante a enfermidade de súa nai. Unha temática moi dramática pero tratada con moito humor que levou ao público da tensión ás gargalladas. Na representación contaron coa colaboración de Patricia Rodríguez. Á saída o público valoraba moi positivamente tanto os aspectos técnicos (decorados e luces) coma o texto e a posta en escena. Quen perdese este espectáculo e estea interesado en gozar de futuras representacións de D.E.P. pode consultar o calendario de actuacións na web de Malasombra Teatro.
Jouse e Xoque nun momento da representación.

Fran e Carlos discuten pola herdanza de súa nai, aínda viva.

"Unha herdanza se problemas non é unha herdanza, é unha miragre"

Éxito de público no Principal da Estrada.

8 de outubro de 2014

Malasombra Teatro presenta "DEP", a súa última produción no Principal da Estrada:::

Os vindeiros venres 10 e sábado 11 de outubro ás 21h representarase a obra D.E.P “Descansa en paz", unha produción de Malasombra Teatro. Trátase dunha comedia recomendada para maiores de 14 anos. A obra conta con Xoque Carbajal e Jouse García no reparto e conta a historia dunha anciá que se enfrenta ás súas enfermidades con moitas ganas de vivir. Os seus fillos de 42 e 50 anos serán os protagonistas desta comedia cos seus segredos inconfesables e problemas económicos e persoais.
A obra foi presentada hoxe por Xoque Carbajal no Concello da Estrada, quen explicou que unha herdanza sen problemas non é unha herdanza senón unha miragre, anticipando por onde van ir os tiros desta comedia. O prezo das entradas é de 5 €. A estrea foi en Vilamartín de Valdeorras e esta será a cuarta función desta nova produción.
Jouse e Xoque nun momento da representación.
Venres 10 e sábado 11 ás 21h no Teatro Principal da Estrada. DEP

II Ruta do Outono, o próximo domingo 12 de outubro polos montes de Ouzande e A Somoza:::

cartel da actividade.

Dentro da programación cultural de outono programada pola Fervenza de Ouzande, o próximo domingo 12 celebrarase un roteiro de sendeirismo. A cita é ás 10 da mañá diante da igrexa parroquial de Ouzande e levará aos camiñantes polos montes de Ouzande e A Somoza, está previsto que visiten os Muíños da Fervenza, as frondosas carballeiras da Somoza e o lugar de Castrorramiro. A chegada está prevista para a unha e media do mediodía. Ainda que as previsións meterolóxicas ofrecen bo tempo para o roteiro, a organización aconsella levar roupa impermeable e cómoda. A actividade é gratuíta e aberta a todos os que queiran participar, tendo os menores de idade que ir acompañados dun adulto.


Imaxe de arquivo da I ruta de outono.

grupo participante na primeira edición da Ruta do Outono.

Comezaron as clases de música tradicional da Fervenza de Ouzande:::

Horarios das distintas disciplinas.
O local social de Ouzande acolleu o pasado sábado 4 de outubro o inicio de todas as disciplinas de música e baile tradicional que organiza a Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande. Preto de 70 persoas participan nas distintas disciplinas que oferta a escola da asociación. As clases de acordeón son as máis madrugadoras (10.30h), en percusión tiveron que organizar dúas quendas, unha para iniciación ás 10.30h e outra de perfeccionamento ás 11.30h. As clases de gaita continúan cos dous niveis e aumentaron alumnado, os de iniciación acoden ás 11.30h e as de perfeccionamento ás 12.30h. Polas tardes hai clase de pandeireta ás 16.30h e de baile ás 20.30h. O grupo de canto tradicional é o máis numeroso en canto alumnado (sobre 20 persoas) e tamén o máis serodio pois ocupa a franxa nocturna (ás 22h) A organización informou de que aínda que todas as disciplinas comezasen as clases, aínda é posible inscribirse nalgunhas disciplinas. As persoas interesadas poden poñerse en contacto con eles no correo carreirosouzande@gmail.com ou no teléfono 986510285.



Clase de tamboril con Fofi (Xosé Martíns, primeiro pola esquerda) FOTO: A Fervenza de Ouzande.

grupo de iniciación a gaita, clases impartidas por Marcos Varela. FOTO: A Fervenza de Ouzande.

Clase avanzada de gaita con Marcos Varela (primeiro pola dereita) FOTO: A Fervenza de Ouzande.

clases de baile tradicional impartidas por Silvia Martínez. FOTO: A Fervenza de Ouzande.

Pandeireta, disciplina impartida por Silvia Martínez (primeira pola esquerda) FOTO: A Fervenza de Ouzande.
grupo de cancións tradicionais co profesor Marcos Varela (primeiro pola esquerda)
FOTO: A Fervenza de Ouzande.

Derriban o sinal de Stop na entrada de Ouzande:::

Na madrugada do pasado sábado 4 de outubro producíase unha saída de vía na entrada de Ouzande que se saldou con diversos danos materiais. O sinal de stop entre a estrada local da parroquia e a comarcal A Estrada-Forcarei quedou tombado na beiravía. Os restos do accidente tamén se deixaron sentir na veiga de millo veciña.
Nos últimos días sucedéronse os accidentes de tráfico na zona, o máis grave acontecía o pasado venres na parroquia de Niguoi e saldouse con dous veciños de Sabucedo feridos de gravidade. O sábado e na parroquia de Matalobos, unha veciña de Lalín tiña que ser excarcelada logo de que o seu vehículo saíse da estrada nacional 640 na zona de Río de Sapos. Onte un autobús escolar sufría un accidente no lugar do Sol, en Rubín, con dous feridos de consideración.
O inicio das chuvias outonais está a acentuar a perigosidade das vías polo que cómpre extremar a precaución.
O sinal de Stop amenceu no chan.


estado do sinal

Imaxe do accidente do Sol, fonte: La Voz de Galicia