28 de setembro de 2014

Atopan a "Camilo" tras tres días en paradoiro descoñecido:::

Aparece en Caldas de Reis" Camilo" o can comunitario de Ouzande desaparecido o pasado mércores.
A pasada noite a alegría chegaba a Ouzande tras coñecerse a nova da aparición de "Camilo", o can comunitario que levaba tres días en paradoiro descoñecido. Unhas veciñas atopábano san e salvo en Caldas de Reis e rapidamente a nova propagouse pola parroquia. 
Camilo é un can abandonado que hai tempo rondaba por Ouzande e que soubo gañarse a amizade dos veciños. Ao xeito dos antigos "porquiños de Santo Antonio" convertiuse na mascota compartida dos ouzandeses. Pero o pasado mércores a súa desaparición causou alarma entre os seus donos compartidos, que iniciaron unha campaña para atopalo, buscárono polos lugares que frecuentaba, preguntaron por el e mesmo fixeron unha pegada de carteis coa súa foto. Logo de tres días en paradoiro descoñecido, e sen ter a máis mínima noticia sobre el, a pasada noite chegou a nova con final feliz sobre a desaparición de Camilo.

O can que ía ás tapas á Estrada
A simpatía de Camilo non queda só nos camiños do Redondo ou o Tallo, entre os seus costumes está o de ir cara á Estrada e sentar atento nas terrazas dos bares á espera de que caia algún anaco dos ricos manxares que na vila acompañan as consumicións dos clientes. Camilo chama a atención dos condutores por respectar escrupulosamente os pasos de peóns. Can afable, cariñoso e simpático coma ningún é normal que tivese preocupados aos veciños trala súa desaparición, por iso hoxe Ouzande celebra a boa nova.

Camilo na foto do cartel que usaron para a súa busca.

27 de setembro de 2014

As clases de música tradicional comezarán o próximo sábado 4 de outubro:::

O vindeiro sábado 4 de outubro é a data escollida pola Fervenza de Ouzande para dar inicio oficialmente ás clases de música e baile tradicional. O pasado sábado día 20 fixeron unha presentación na que deron a coñecer entre outros pormenores, os horarios das clases e mailos profesores. Deste xeito, a disciplina de acordeón será impartida por Marcos Varela en horario de sábados de 10 e media a 11 e media. Tamboril terá o mesmo horario e será impartido por Xosé Martíns (Fofi) na modalidade de iniciación, habendo un grupo de perfeccionamento co mesmo profesor e de 11 e media e ata as 12 e media. As clases de gaita serán impartidas por Marcos Varela, o grupo de iniciación será de 11 e media e ata as 12 e media e o grupo de avanzado será en horario de 12 e media e ata a 1 e media.
Xa pola tarde serán as clases de baile e pandeireta, impartidos por Silvia Martínez. Ás 4 e media comezan os grupos de pandeireta e ás 8 e media os de baile tradicional. E pola noite haberá clases de canto tradicional impartidos por Marcos Varela de 22h a 23h.
Trala presentación fixéronse as inscricións, compartiuse unha merenda e fíxose festa ao tempo que o alumnado do curso pasado practicou as súas disciplinas. Segundo informa a Fervenza de Ouzande aínda quedan vacantes libres nalgunhas disciplinas, quen queira anotarse pode facelo asistindo á disciplina que lle interese ou contactando coa asociación via correo electrónico (carreirosouzande@gmail.com) ou chamando por teléfono (986 57 02 85)
Alumnos do curso pasado practicando trala presentación.

Imaxe da presentación dos cursos.

Momento da merenda trala reunión.

A música foi a protagonista da tarde.

Alumnado de canto 

O baile tradicional  é unha das disciplinas que  máis alumnado aumentou.

O Campionato Agility e unha mostra de taekondo completaron as festas das Dores:::

A parroquia de Guimarei celebrou a semana pasada as festas das Dores con numerosas actividades organizadas pola Adc Guimarei. O programa festivo xa tiña comezado o día 11 de setembro coa novena, pero o xoves 18 intensificouse a actividade cun monólogo de Gonzalo Valcárcel. Foi na Biblioteca de Guimarei ás 22:00h e baixo o título "Os males que produce o tabaco", tratouse dunha versión da peza orixinal do ruso Anton Chéjov.
Membros da Asociación Deportivo e Cultural de Guimarei con Gonzalo Valcárcel
 e a súa dona (6º e 8ª pola esquerda)
 A actividade musical había comezar o venres cunha actuación e unha mexilloada. O sábado día 20 e tralos actos relixiosos actuou o grupo Abrente do Foxo. Pola tarde e o domingo pola mañá tivo lugar  o Campionato Galego de proba de Cans Agility, que se celebrou no Campo contiguo ás escolas de Guimarei e que reuniu a máis de 30 participantes.
O Campionato Agility celebrouse nas escolas de Guimarei.
Cans preparados para competir.
 Membros do ximnasio Koryo fixeron unha exhibición de Taekondo ás 19.30h do sábado no Campo de Fútbol mentres que pola noite actuaron no Campo da Festa as orquestras Gran Vía e Intervalo Show, esta verbena xa foi no Campo da Festa e durante o transcurso da festa fíxose o sorteo da nova comisión de festas para o ano que vén. O domingo pola mañá actuou a Banda de Música Municipal da Estrada, rematou o campionatao de Cans Agility e celebráronse os actos relixiosos. Xa pola tarde instaláronse colchonetas e hinchables no Campo da festa para goce dos máis pequenos que desde as 5 abarrotaron o Campo da Cruz. Ás 18.30h e xa no Campo de Fútbol de Figueroa, os veciños de Guimarei foron animar ao seu equipo que xogaba contra o C.F. San Mamede. O resultado foi Adc Guimarei Fútbol 2 - C. F. San Mamede 3.
Exhibición de Taekondo no Campo de Fútbol
Un momento do encontro futbolístico no Campo de Figueroa.
Cartel das festas.
 Por outra banda, o próximo sábado 4 de outubro, a Asociación de Veciños Santa Apolonia ten previsto realizar unha excursión para visitar Baiona e Oia. A saída será ás 9 da mañá desde a igrexa parroquial de san Xiao, visitarán os puntos máis emblemáticos da histórica vila de Baiona e mailo Mosteiro de Oia. Este luns remata o prazo para inscribirse, cousa que se pode facer contactando coa asociación vía telefónica (649 76 60 64 / 696 57 94 17)
Mosteiro de Santa María en Oia.

18 de setembro de 2014

A Fervenza presenta a programación de outono:::

Cartel das actividades do outono
A Fervenza de Ouzande vén de facer pública a súa campaña de actividades para este outono, traballos manuais, charlas, lecer, saúde ou música conforman este anuncio, polo momento convocan a todos os interesados a unha xuntanza para explicar como van ser as clases de música tradicional, a convocatoria é para este mesmo sábado día 20 de setembro ás 16.30h no local social ouzandés. Nesa reunión falarán das clases de gaita, tamboril, pandeireta, baile, acordeón e canto tradicional. Ademais explicarán os horarios e os prezos das distintas disciplinas, xa adiantan que os sábados pola mañá se impartirán as clases de acordeón, gaita e tamboril, mentres que os sábados pola tarde serán os de pandeireta e baile tradicional. O grupo de canto tradicional será os sábados pola noite, quedando a hora exacta pendente de aprobar. Quen se queira anotar pode facelo na propia reunión, no correo electrónico da asociacion (carreirosouzande@gmail.com) ou contactando con Casa Porto (a Taberna de Ouzande 986570285) A matrícula nas distintas disciplinas superou o curso pasado os 60 alumnos e alumnas. Desde A Fervenza animan a asistir á reunión con instrumentos para "inaugurar" o curso 2014-2015 coa interpretación dalgunha peza tradicional, os asistentes están convidados a uns pinchos a modo de merenda. 
Cartel anunciador das clases de música tradicional.

15 de setembro de 2014

Ouzande vive o seu Socorro máis tradicional:::

Recanto animou cos seus cantos a Foliada
A gastronomía non faltou na festa
Concerto de Tania Fuegho
Procesión do Socorro e do Carme
Do Formigueiro a Penerada e do Tallo á Alemparte, Ouzande rendiuse á tradición das festas do Socorro. As actividades xa comezaron o venres coa VII Fervenza de Músicas. Contra as dez da noite xa había ambiente de festa e xa se servían as primeiras racións de polbo e paseniñamente foise enchendo o campo de xente disposta a participar na festa. A Xuntanza de San Pedro foron os primeiros en actuar, deleitando ao público co seu repertorio. Retrouso, os anfitrións da noite tocaron numerosas pezas do seu disco "Ou". Unha das atraccións máis aplaudidas foi a de Recanto que está formado por numerosos veciños e veciñas de Ouzande e que se sentiron ben arroupados por amigos e familiares. Vou vir vor ver tamén cantaron e cantaron elevando a animación e botándose mesmo a bailar o solto. O grupo estradense Milgrandeira tivo unha actuación memorable poñendo a bailar ao público cun repertorio moi animado. A festa alongouse ata altas horas da madrugada, xerando o contento de cantos dela participaron. O sábado continuou a festa xa ben cedo cos oficios relixiosos e a procesión. A xornada estaba dedicada ao Carme. Ao remate dos actos relixiosos houbo sesión vermouth que estivo moi animada grazas ao grupo Fénix que tamén pola noite foi o encargado de abrir a verbena. Contra as 23h xa soaban os primeiros acordes da formación mariñá e o campo íase enchendo de festeiros. Contra a medianoite arrancou a actuación Tania Fuegho. Chegada desde Mazaricos e sendo coñecida por formar parte do xurado dun concurso de canción da TVG, a artista do Xallas conquistou aos ouzandeses coa súa naturalidade. Animou a noite con cancións en galego con arranxos propios; a sementeira, todos a Santiago, un remix de Andrés do Barro ou o emigrante formaron parte do seu repertorio. Tamén cantou unha canción propia relativa á festa da Fervenza que se realiza na súa comarca ou o tren de Andrés do Barro co que puxo a facer o tren a un grupo de festeiros. Ao remate da actuación asinou autógrafos e regalou varios CD. A festa continuou con Fénix e música de baile. O domingo foi o día do Socorro e houbo os tradicionais actos pola mañá acompañados de pasarrúas da Banda de Música Cultural da Estrada, o adro da igrexa foi acollendo as ofrendas á Virxe, trala misa e procesión comezou a esperada poxa; polos, patacas, plantas, figos, panos... Pepe de Frei foi o encargado de ir presentando a poxa polos distintos produtos ante un adro cheo de xente. Ao remate concerto da Banda de Música. Pola tarde a festa seguiu nas casas da parroquia.
Concerto de Recanto.
Un momento da actuación de Recanto.
Foliada con Vou vir vor ver.

Milgrandeira animando a festa.
Milgrandeira en concerto.
Procesión do sábado.
Tania Fuegho ante os seus fans.
O grupo Fénix animou as festas o sábado.
Un momento da poxa.
O público abarrotou o adro da igrexa
Poxa das ofrendas ao Socorro.

Concerto da Banda de Música Cultural da Estrada

Bikestrada celebrou a XIII Rapa das Bestas BTT:::

Saída na Praza do Concello
Bikestrada celebrou o pasado sábado 13 de setembro a XIII edición da ruta Rapa das Bestas, un evento de referencia no mundo BTT e que se complementou cun duatlón, un trail de montaña e cunha ruta de sendeirismo. A ruta BTT tiña dúas modalidades, unha longa con 75 km e outra curta con 45 que partiron da Praza do Concello ás 10.00h e que levaron aos deportistas polos montes de Ouzande, A Somoza, Arca, Montillón e Sabucedo por un trazado moi esixente con subidas que nalgúns tramos chegaron ata o 20%. As dúas rutas coincidiron os primeiros 24 km, a curta desviouse en Sabucedo polo Alto do Peón, lugar coñecido por ser onde se reúnen as bestas para a rapa e polas Quintas de Codeseda facendo o regreso polas inmediacións da Torre de Guimarei.
Javi Busto, Brandán Márquez e Charly Rodríguez
Na ruta longa os tres primeiros en chegar foron o compostelán Brandán Marquez do Team Corbelo que fixo os 75km en 3:29h, o segundo  Rubén Atrio do Cc Monforte (3:42h) e en terceira posición quedou o verinés Carlos González Rodríguez (3,52h) de Bicicletas Salchi. Na modalidade curta os tres primeiros clasificados foron Antonio Casal Rey do Club Ciclista Do Salnes, Tono Abal Nartallo do Cdm Xesteiras e Miguel Ángel Nogueira Pérez do Noitebra.
Na modalidade de duatlón a saída cadrou coa ruta BTT e en Montillón fixeron un tramo moi esixente de 11km. Na versión longa desta modalidade houbo 5 participantes que chegaron nesta orde: 1 Josecho Gonzalez Rey, 2 Celestino Pazos Garcia, 3 David Asperez Dopazo, 4 Marcos Perez Souto e 5 Armando Piñeiro Perez. Na versión curta participaron 14 persoas, quedando primeiro José Manuel Rodríguez, segundo José Luís Falcón e terceiro Fernando Álvarez.
O trail de montaña tivo o mesmo percorrido nos 10 primeiros km, desviándose en Escariz cara o lugar do Outeiro e volta á Estrada pola Somoza. Dos 24 participantes, os tres primeiros en chegar foron Lois Rodríguez, Yago Abeledo e Jesús Herrrera.
Grupo de sendeirismo no Pozo da Fervenza.
A Ruta BTT Rapa das Bestas propiciou que os participantes gozasen do monte en distintas modalidades deportivas e tamén deseñaron unha ruta de sendeirismo na que participaron unhas 25 persoas procedentes de toda Galicia. Arrancaron da Estrada á mesma hora e achegáronse a Ouzande polo Redondo para coñecer os Muíños da Fervenza, subindo ao Monte de Ouzande e da Somoza, Castrorramiro para volver á vila por Tabeirós.




Guimarei acolleu a XX Feira da Becerra Selecta e a Feira Sustentable:::

O recinto feiral de Guimarei foi escenario a pasada fin de semana da XX edición da Feira da Becerra Selecta, na que se deron cita 27 gandeirías das comarcas do Deza e Tabeirós. A exposición abriu as súas portas o sábado 13 ás 12h, momento no que foi inaugurada pola Directora Xeral de Produción Agropecuaria da Xunta de Galicia e mailo alcalde da Estrada. A cita serviu para recuperar a Feira Sustentable que con 15 postos puxo á venda produtos relacionados co agro e a gandeiría así como artesanía. Durante o sábado e ata as 20h houbo distintas actividades relacionadas co sector como a X edición da degustación de becerro frisón, un concurso de aptitudes gandeiras ou un concurso de manexo de tractores. Xa no domingo celebrouse o XVII Concurso Frisón na que a gandeiría Pereira de Forcarei foi a gran triunfadora con oito mencións. 





3 de setembro de 2014

O Concello da Estrada deslindará os terreos do Campo da Festa de Guimarei:::

O Concello da Estrada vén de facer público o edicto polo cal anuncia o inicio dos trámites para o deslinde do Campo da Festa da parroquia de Guimarei. Este recinto, ubicado no lugar da Cruz, foi un dos protagonistas do pleno que se celebrou o pasado 7 de agosto trala polémica suscitada na parroquia por unhas obras que invadían o espazo público. Un veciño presentou unha denuncia particular por este asunto mentres que a asociación veciñal Santa Apolonia fixo un rogo no Concello para que se delimitase o recinto e así se evitasen hipotéticos problemas en accións urbanísticas futuras. A construción do campo fíxose coa cesión de terreos limítrofes dos veciños pero nunca se deslindou oficialmente, de maneira que un particular que quixo pechar o seu terreo e solicitou permiso municipal en 2013 puido facer a obra atendendo ás normas vixentes pero invadindo o espazo anteriormente cedido para o recinto festivo.
O proceso xa foi publicado no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOP), polo momento xa se pode consultar este expediente no departamento de urbanismo do Concello da Estrada, sito no terceiro andar do consistorio e en horario de oficina (de 9 a 2 da mañá) coa posibilidade de presentar alegacións e documentación acreditativa. Os trámites comezarán o 27 de novembro ás 10 da mañá e serán feitos pola Oficina Técnica Municipal.

2 de setembro de 2014

Fervenza de Músicas e Tania Fuegho no Socorro 2014:::

A novena ao Socorro celébrase desde o 4 ao 12 de setembro ás 21:00h
O venres 12 Fervenza de Músicas con Milgrandeira, Vou vir vor ver, A Xuntanza de San Pedro, Retrouso e Recanto.
Concerto de Tania Fuegho o sábado 13 co grupo Fénix.
Pasarrúas e concerto da Banda Cultural da Estrada o domingo
Tradicional poxa de ofrendas á Virxe o domingo 14.
A vindeira fin de semana -12, 13 e 14 de setembro-, Ouzande vólvese vestir de gala para celebrar as festas  do Carme e do Socorro. Fieis á tradición, os devotos da Virxe do Socorro frecuentarán a novena que se celebra desde o día 4 ao 12 ás 21:00h na igrexa de Ouzande. 
O vernes 12 comeza coa VII edición da foliada "Fervenza de Músicas" que arranca ás 22h con polbeiro e música tradicional. O sábado misa ás 13.15h e actuación do grupo Fénix tanto ao mediodía como na verbena, á noite estarán acompañados da televisiva Tania Fuegho que ofrecerá un concerto con repertorio propio. O domingo 14 hai misa ás 13.15 e a tradicional poxa das ofrendas á virxe, durante a mañá pasarrúas e concerto da Banda de Música Cultural da Estrada.

IV FERVENZA DE MÚSICAS
Membros de Recanto portando
 o cartel da Foliada.
As vésperas das festas xa comezan coa animación da "Fervenza de Músicas", unha foliada de música tradicional promovida pola Fervenza de Ouzande desde hai 7 anos e na que ademais de polbeiro haberá festa a cargo de varios grupos como son os estradenses Milgrandeira, os composteláns Vou Vir Vor Ver e A Xuntanza de San Pedro e mailos ouzandeses Recanto e Retrouso. Milgrandeira parte da formación recibida na escola de música tradicional de Barbude e xa participaron en festas coma o Lumeiro de Guimarei ou "Unha noite no muíño" en Ouzande. Vou vir vor ver é un grupo de Santiago de Compostela que actúa por vez primeira na zona, a Xuntanza de San Pedro nace no popular barrio compostelán de San Pedro ao abeiro das clases de música tradicional da asociación cultural que hai nesa coñecida rúa. O grupo Retrouso actúa como anfitrión da festa ofrecendo pezas do seu rico repertorio e recollido no disco "Ou". Unha das actuacións máis agardadas da noite será a do grupo Recanto, formado por veciños e veciñas da parroquia que participan nas clases de canto tradicional que se celebran no local social.


TANIA FUEGHO E FÉNIX O SÁBADO

Desde Mazaricos chega a televisiva Tania Rodríguez, máis coñecida como Tania Fuegho desde que participou no concurso Son de Estrelas da TVG chegando á final. Con tan só 25 anos xa cumpriu o seu soño de vivir da canción, fundou a súa propia orquestra (Verano Azul) e participa como xurado nunha sección de canción lixeira do programa Luar da TVG todos os venres. A Ouzande chega cun proxecto como solista e con cancións como Todos a Santiago ou Emigrantes, e con versións de poemas de Rosalía ou cancións de Andrés do Barro. O estilo de Tania é moi emotivo e particular, declárase seguidora de Mónica Naranjo con quen cantou mesmo en dúas ocasións, No concerto do Socorro ofrecerá  pop en galego adiantando cancións do seu primeiro disco. 
A verbena do sábado coninúa co grupo Fénix, chegan desde a Mariña de Lugo, máis concretamente desde Foz. Son un grupo consolidado na provincia de Lugo e que virán a darse a coñecer ás festas de Ouzande.

CULTURAL DA ESTRADA E POXA O DOMINGO
Banda Municipal nunhas festas do Socorro anteriores,
 acostuman alternar as dúas formacións locais.
A música da Banda de Música Cultural da Estrada chegará o domingo ás festas, cun pasarrúas e concerto no día grande do Socorro. Un dos atractivos desta xornada será a tradicional poxa que congrega no adro da igrexa a veciños e festeiros que poxan polos produtos ofrendados á Santa, creando un  agradable clima de convivencia veciñal.
As festas do Socorro véñense celebrando desde tempos inmemoriais e completan o ciclo festivo do verán con Santo Antonio en xuño e San Lourenzo en agosto, rescatamos un anuncio das do Socorro do ano 1959 que nos cedeu un lector.