27 de outubro de 2013

Rufo chegou a Ouzande:::

O programa de animación infantil de Cáritas está a recorrer diversas parroquias da Estrada, hoxe remata en Tabeirós, onte estivo en Ouzande e a semana pasada chegou a Callobre e Lamas. Co apoio da administración municipal e promovido por Cáritas Parroquial da Estrada, Rufo é un programa de animación para nenos e nenas ata 14 anos. Na tarde de onte chegou a Ouzande ás 17h e durou hora e media. Tivo pouca afluencia de público, pero isto non lle restou intensidade á tarde de xogos que dinamizaron dous monitores. Os protagonistas da sesión foron o xogo, o compañeirismo e o bo humor.


25 de outubro de 2013

Rufo chegará mañá ao local social de Ouzande:::

O programa "Brincando con Rufo" chega mañá a Ouzande logo de estar a fin de semana pasada en Callobre e Lamas. Trátase dun programa de animación infantil organizado por Cáritas Parroquial da Estrada, anúnciano con xogos, sorpresas e agasallos e está dirixido a nenos e nenas menores de 14 anos. A cita dos máis pequenos da casa é no Local Social ás 5 da tarde e ten unha duración aproximada de hora e media.

Cartel de "Brincando con Rufo"

20 de outubro de 2013

Noite de foliada en Santo André de Vea:::

No serán de onte, San André de Vea converteuse na gran catedral da música tradicional. Numerosos grupos congregáronse baixo unha carpa situada ao pé da antiga escola da parroquia para acoller a IIª edición da "Fuliada". Os encargados de animar a velada foron un total de oito grupos de música tradicional da zona. Comezou Tamparrantán de Vea seguidos dos recanteiros de Ouzande; logo Milgrandeira, coa voz de Fofi; un numeroso grupo de mozos e mozas de Cesures e chamados Xarandeira afinaron forte as gaitas para darlle ánimo á noite; a seguir foi un orixinal grupo da parroquia de Couso, chamados desa forma "Os de Couso", O Recobío de Baamonde (Teo), son coñecidos xa na zona por teren actuado en festivais de parroquias da Estrada; As pandeiretas das Carambuñeiras tamén lle puxeron cor á festa que durou ata altas horas da madrugada. A organización agasallou aos grupos cunha fermosa figura de Sargadelos e convidounos a uns ágapes. A pesar do mal estado da noite foron moitos os veciños da comarca que se achegaron á parroquia de Vea para festexar esta IIª Fuliada, organizada pola Asociación de Mulleres Rurais de Santo André.







19 de outubro de 2013

Disfunción Continua Teatro continúa de xira con Eran outros tempos, ou non?:::

A compañía estradense Disfunción Continua Teatro continúa de xira, presentando a obra Eran outros tempos, ou non? por toda Galicia. Logo de estrearen a peza en Fornelos da Ribeira (Salvaterra), xa levaron esta divertida comedia a Palas de Rei, Ouzande, Ribadeo ou Orazo. Hoxe ás 21 actúan en Ponte (Silleda) e para a semana no Teatro Principal da Estrada (sábado 26 ás 21h). Tamén estarán o día 9 de novembro en Riobó.
Eran outros tempos, ou non? está protagonizado por cinco mulleres que comparten co público os seus recordos da infancia, en concreto as vivencias nunha escola de nenas do franquismo. Así van aparecendo unha serie de personaxes coas que se van recreando as clases de catecismo, ximnasia, matemáticas, ortografía e mesmo reciben a visita do inspector ou saen a recitar e cantar á radio local.
O elenco está composto por oito actores da zona da Estrada; Clara Iglesias, Natalia Carbajal, María Porto, Sabela Magariños, Manu Mougán, Alejandro Picallo e Manuel Rosende.
Esta compañía de teatro tamén ofrece a posibilidade de recibir clases de teatro todos os mércores de 21h a 23h no Local Social de Guimarei, as clases están abertas a todo o público, para informarse basta con achegarse ao lugar das clases ou poñerse en contacto coa compañía a través da súa páxina de facebook ou blog. O profesor é Jouse García quen ata decembro impartirá un obradoiro de clown.






15 de outubro de 2013

Cáritas leva o programa "Brincando con Rufo" a distintas parroquias da Estrada:::

Rufo en Berres. Foto de El Correo Gallego
Entre os días 19 e 27 de outubro, o programa "Brincando con Rufo" chegará a distintas parroquias da Estrada. Trátase de actividades lúdicas dirixidas a nenos e nenas do rural estradense organizadas por "Cáritas A Estrada". Os pequenos e pequenas que desexen asistir deben buscar a parroquia máis próxima no día e hora anunciados por Cáritas, é unha actividade gratuíta para menores de 14 anos.
Brincando con Rufo xa vai na 13ª edición e baséase en xogos cooperativos protagonizadas por un trasno de nome Rufo. Conta coa colaboración do Concello da Estrada. Percorrerá un total de catro parroquias durante esta e maila próxima fin de semana. O primeiro lugar ao que chegará será Callobre o 19 ás 16.00h, o 20 e á mesma hora en Lamas no Teleclub. Na próxima fin de semana recalará no local social de Ouzande ás 17.00h do sábado 26 e rematará en Tabeirós o 27 ás 16.00h no local social. As sesións duran unha hora e media e están abertas a toda a poboación infantil destas aldeas e parroquias próximas.

13 de outubro de 2013

Os muíños de Ouzande, escenario dun curso de fotografía natural:::

Esta fin de semana, os muíños e o entorno da Fervenza de Ouzande foron escenario dun curso de fotografía natural. Comezou ás 5 na Praza de Galicia baixo o nome "Taller de Fotografía Natural" e foi impartido por Aroa Martínez contando con 14 alumnos. A seguir achegáronse aos muíños da Fervenza para realizar os primeiros exercicios prácticos. O obxectivo do curso nesa sesión era aprender a realizar fotografías integrando os elementos humano e natureza, tamén traballarán a paisaxe urbana nocturna e a o paisaxismo fotográfico. Na sesión do sábado o alumnado tivo que fotografar distintos motivos do outono (árbores, paisaxe, fervenzas...) para logo con seis imaxes ser capaces de contar unha historia. O domingo desprazáronse á praia fluvial do Río Liñares onde traballaron a fotografía micolóxica, fixeron unha xincana fotográfica e recibiron unha charla sobre o mundo da micoloxía. As sesións deste curso estenderanse ao longo das fins de semana deste mes en horario de 5 a 7 da tarde, rematan o día 27.

Obras na pista do Picoto:::

Maquinaria municipal visitou esta semana pasada o lugar do Picoto para proceder a realizar os traballos de limpeza da pista forestal deste lugar que se viña reclamando polos veciños desde había tempo. Hai xa anos que durante o inverno a auga que baixa do Monte de Ouzande foi desfacendo esta pista sen asfaltar, desviando a auga polo medio dos lugares do Picoto e do Redondo, provocando inundacións e problemas na rede viaria da zona. 
A finais de agosto, unha comitiva do Concello da Estrada visitaba a parroquia para explicar que se ían acometer as obras de construción da beirarrúa dereita entre o Tallo e a zona da igrexa parroquial. Os veciños insistíronlles na necesidade de facer esta obra paralela de limpeza para evitar que a estrada xeral de Ouzande se inunde e encha de lama. Deste xeito e no inicio do outono  agardan que as augas pluviais circulen polos foxos desta pista sen ocasionar danos e mantendo as pistas en boas condicións para o goce veciñal. Agora cómpre agardar polas obras da beirarrúa que estaban anunciadas para setembro e que terían unha duración máxima de tres meses.
Zona alta do Picoto onde comeza a pista arranxada

Foxos e tubaxes para que a auga circule por eles.

zona asfaltada do Picoto

As obras completáronse coa limpeza dos foxos da zona asfaltada

Accidente na entrada de Ouzande:::

O cruzamento da estrada de Codeseda  e a de Ouzande foi escenario na noite de onte dun accidente entre unha motocicleta e un turismo. O suceso aconteceu ás 20:30h cando un Renault Clío de cor branca impactaba cunha motocicleta de cor gris no mencionado punto. Debido ao impacto foi preciso o auxilio dunha ambulancia do 061 que realizou un traslado de urxencia. Os dous vehículos sufriron danos materiais; o coche eran visibles os efectos do impacto na parte dianteira esquerda.
Marcas do sinistro no asfalto trala retirada dos vehículos

Ouzande botouse a andar:::

Con motivo da Iª Ruta do Outono e convocados pola Fervenza de Ouzande, ás 10 da mañá de onte partían de diante da igrexa parroquial unha vintena de sendeiristas camiño dos montes da parroquia e do Castro de Arcos. A ruta comezaba pola zona do Prado e en ringleira de a un polos carreiros desa zona camiño dos Muíños da Fervenza. Xabier Camba, presidente da asociación ouzandesa fixo de guía para expicarlle aos que viñan por vez primeira a historia e valor deste conxunto arquitectónico emblemático para a parroquia. A seguir, a marcha ascendeu polas pistas forestais da Areeira camiño do Castro de Arcos. Aos sendeiristas sorprendéronlles moi gratamente as vistas que hai desde este punto, co Monte Xesteiras á fronte, o val da Anllada, o val do Río Ulla co Pico Sacro e Gundián ao norte ou os montes do Pedroso ou a Pedralba ao sur. Á volta, o grupo desviouse polos "camiños dos lobos" que segundo explicaba unha veciña da zona era onde en tempos se acurralaba aos lobos para cazalos. Tras atravesar o lugar de Ferreiros, a ruta emprendeu camiño a Ouzande pola zona do matadoiro municipal e polo Picoto, facendo unha paradiña na Fonte do Redondo. Os participantes percorreron un total de 14 km e gozaron dunha mañá cuberta e coa visita do sol por momentos. Están citados para repetir experiencia na próxima ruta a pé a Fervenza de Ouzande e que será o no día de Nadal.
Dentro da programación de rutas do Concello da Estrada, durante a mañá de hoxe, outro grupo de sendeiristas visitou o conxunto dos Muíños da Fervenza, así coma os montes de Ouzande e da Somoza.
Foto de grupo na saída

Polos carreiros dos caneiros do Prado

Subindo o Castro de Arcos

Foto de grupo no alto do castro

Visita á Fonte do Redondo
Mapa da ruta:

11 de outubro de 2013

Xoque Carbajal presentou "Función Sapiens" no Teatro Principal da Estrada:::

O actor ouzandés Xoque Carbajal presentou o espectáculo "Función Sapiens" no Teatro Principal da Estrada. A Compañía Malasombra Teatro vén representando esta función por toda Galicia e hoxe tocou na casa. Ademais o noso veciño estaba de aniversario, polo que os seus compañeiros tiveron a ben cantarlle o "parabéns para ti" sobre as táboas. "Función Sápiens" é unha clase de como aparentar ser culto e intelixente nos tempos que corren. Os cinco actores que compoñen o elenco (Xoque, Marcos Orsi, Josue García, Xabier Deive e Luís Iglesia) interpretan a distintos personaxes do común que teñen a ben ilustrarnos con estratexias e distintos recursos que nos serán aproveitables para facernos pasar por persoas instruídas. Trátase dun espectáculo cómico de monólogos encadeados ao estilo do "Club da Comedia".
Xoque Carbajal

Luís Iglesias

Xoque, Xavier Deive, Jouse García, Marcos Orsi e Luís Iglesia

momento musical da función

Recanto participa na II Foliada de Santo André de Vea o próximo sábado 19 de outubro:::

O grupo de canto tradicional de Ouzande, Recanto, participará o próximo sábado 19 de outubro a partir das 21h na II  FOLIADA de Santo André de Vea. A actividade desenvolverase na escola unitaria desta parroquia estradense. O cartel de actuacións está encabezado polos ouzandeses, seguido das pandereteiras "As Ruandeiras" de Loimil, do grupo Milgrandeira, Xarandeira de Cesures, Tamparrantán de Vea e Carabuñas. A organización terá prevista unha cantina e ofrecerá castañas e chocolate de balde para acompañar a festa.
Recanto nas festas de Ouzande

8 de outubro de 2013

A Fervenza de Ouzande programa unha nova ruta a pé este sábado:::

A Fervenza de Ouzande programou dentro das actividades do outono unha ruta a pé. É a primeira vez que o programa de rutas de sendeirismo se estende ao outono. A marcha sairá o sábado 12 de outubro da igrexa parroquial ás 10 da mañá e percorrerá os montes da parroquia ata o Castro de Arcos coa previsión de estar de volta ás 13.30h no mesmo lugar.

Trátase dun percorrido duns 11 km e pode participar calquera persoa que o desexe. O roteiro é de balde. De camiño hanse visitar os muíños da Fervenza, a propia Fervenza de Ouzande, o Pozo do Rubio e o da Fervenza, atravesaranase varias carballeiras nas que hai gran cantidade de  acevos. O punto de destino é o Castro de Arcos no xa veciño concello de Cuntis. Trátase dun outeiro que agocha un castro sen escavar e desde o que hai unhas vistas panorámicas do val do Río Gallo, visitarán o lugar de Ferreiros e a Fonte do Redondo.




Imaxes de arquivo do programa de rutas IMOS ANDAR

7 de outubro de 2013

Comezan as clases de música tradicional e baile en Ouzande:::

A Fervenza de Ouzande vén de anunciar que continúan abertos os prazos de inscrición para as distintas disciplinas, especialmente a de baile pois precísase dun mínimo para conformar un grupo.  Neste curso parece haber máis persoas interesadas na danza tradicional e están valorando retomar esta arte. Quen desexe matricularse en baile ou en calquera outra disciplina non ten máis que achegarse ao local social da parroquia ouzandesa durante os sábados. Ás 10.30h comezan con iniciación a gaita, ás 11.30h é a quenda do perfeccionamento deste instrumento e ás 12.30 percusión. Polas tardes hai pandeireta ás 16.30h, canto tradicional ás 22h. O horario de baile será anunciado en breve.

imaxes de arquivo