23 de setembro de 2012

As clases de música tradicional volven a Ouzande:::

A fervenza de Ouzande vén de presentar os cursos de música tradicional para o curso 2012-2013. A gran novidade é que este ano haberá canto tradicional, desta maneira o curso será moi completo; baile tradicional, gaita, pandeireta, percusión, acordeón e, agora tamén, canto. As persoas interesadas poden chamar por teléfono ao 986 57 02 85 ou acodir á reunión organizativa que anunciaron para o vindeiro sábado 29 de setembro ás catro e media da tarde no local social da parroquia.

A igrexa pechará aos domingos:::

A igrexa de Ouzande vaise ver afectada polos cambios establecidos para as parroquias da zona da Estrada. Deixará de oficiar o cura emérito que viña apoiándo ao párroco Ortigueira. O vindeiro domingo será o último que haxa misa e no que se anunciará como vai ser esta reestruturación, en principio só haberá misas en sábado e posiblemente abran aos domingos para que se acheguen os feis pero sen oficios relixiosos. Tamén se dará a coñecer quen ten que facer os labores de "sacristán" ao rematar Pepe Loureiro este labor, encomendado por un ano.

A igrexa de Ouzande pechará ás súas portas aos domingos

O "Teleclub da Comedia" arrancou en Ouzande:::


O local social de Ouzande acolleu ás 8 e media da tarde de onte o estreo dos espectáculos do "Teleclub da Comedia". Trátase dunha iniciativa do Concello da Estrada que leva en marcha varios anos co obxectivo de descentralizar a actividade cultural do municipio. Esta era a primeira vez que chegaba a Ouzande e fíxoo co espectáculo do mimo NONO.
Sobre 40 persoas asistiron á actuación e tiveron que interacionar co mimo, quen fixo un número variado e baseado no humor. A parte que máis gustou foi a do seu "mono", un boneco ao que el mesmo lle dá vida e co que interacciona dun xeito moi orixinal.
O teleclub da comedia continuará con 14 actuacións máis por distintas parrroquias do municipio estradense. Serán en sábado e á mesma hora (8.30 ou 9 do serán segundo cada parroquia) Este é o programa:

       Setembro
Sábado 29 en Rubín: As Lerchas.
Sábado 29 en Orazo: Teatro dá Zarabándula.

       Outubro
Sábado 6 en Guimarei: Peter Punk.
Sábado 13 na Somoza: O Mago Toño & Manolo do Atlético.
Sábado 20 en Sabucedo: Celso de Lalín.
Sábado 27 en Ribela: Mentallini & Padre Merino.

       Novembro 
Sábado 3 en Couso:O Mago Toño e Manolo do Atlético.
Sábado 10 en Parada: Peter Punk.
Sábado 17 en Berres: As Lerchas.
Sábado 24 en San Xurxo de Vea: Celso de Lalín.

       Decembro 
Sábado 1 en Matalobos: Teatro dá Zarabándula.
Sábado 8 en Santo André de Vea: o mimo Nono.
Sábado 15 en San Tomé de Ancorados: Mentallini & Padre Merino.

22 de setembro de 2012

Especial "III TRIANGULAR DE FÚTBOL MIXTO OUZANDE 2012":::

Velaquí un video resumo dunha das actividades lúdicas máis divertidas da parroquia, o Triangular de Fútbol que enfronta a casados, solteiros e separados. Foi nas pasadas festas do Socorro. Son 17 minutos para non perder.

16 de setembro de 2012

O "Teleclub da Comedia" chega a Ouzande:::

O clown Nono actuará o vindeiro sábado 22 de setembro no local social de Ouzande. Este espectáculo enmárcase dentro do proxecto chamado "o teleclub da comedia" do Concello da Estrada, que pretende levar ás distintas parroquias do municipio algún espectáculo de contacontos, maxia, circo, teatro...
O número que se poderá ver en Ouzande está baseado no humor a través do recurso da expresión corporal.
Nono está a se converter nun dos clows máis representativos do panorama galego. O seu espectáculo camiña entre o cómico e o surrealista, sorprende con movementos de malabares. As cousas que contan son facilmente entendibles por todos os públicos, non utiliza en ningún momento a fala e, aínda así, conta historias de animais con marionetas, clown e sobre todo coa expresión corporal.
Fíxose moi popular ao participar no programa da Galega "Nunca tal vin". Na Estrada é coñecido por ter impartido cursos de clown.

Nono e o seu mono.


No cartel pódese ver a confusión entre Campo da Festa e Campo da Feira.

Preto de 200 ciclistas na Ruta BTT da Rapa das Bestas:::

Preto de 200 ciclistas completaron os dous camiños trazados polos organizadores da XI Ruta Rapa das Bestas. Ás 9 e media da mañá de hoxe, na zona deportiva da Estrada concentrábanse os corredores que, logo dun paseo pola vila, subiron ao monte pola zona do Picoto, utilizando as pistas forestais da parroquia camiño do Monte Cabalar, Arca, Montillón e Sabucedo para logo emprender o camiño de volta co que terían rodados os 72 ou 55 quilómetros desta importante proba deportiva, os últimos volveron ser pola zona do Picoto, camiño de volta á zona deportiva.


Contacto

Para contactar, podes enviar un correo electrónico a:

oportaldeouzande@gmail.com

15 de setembro de 2012

Xornada ciclista polo Monte de Ouzande:::

Durante a mañá de hoxe domingo, as pistas forestais do Monte de Ouzande acollerán o inicio e remate da RUTA RAPA DAS BESTAS que este ano alcanza a súa decimoprimeira edición. Prevese a presenza de centos de afeccionados á bicicleta de montaña. A organización ofrécelle dúas posiblidades; facer unha ruta máis longa de 72km ou outra de 55. Poderanse ver pasar polos montes de Ouzande, Somoza, Arca, Souto, Sabucedo... A zona de concentración será a área deportiva da Estrada. Tras unha ruta neutralizada pola vila sairán cara a Sabucedo pola zona do Picoto. A peña ciclista Bikestrada é a organizadora desta xa clásica xornada BTT polos montes do municipio.



Imaxe dunha edición pasada que cruzou Ouzande pola estrada xeral.





Cartel anunciador da ruta.

11 de setembro de 2012

Especial procesión e poxa das Festas do Socorro 2012:::


O pasado domingo celebrouse o día máis destacado das festas do Socorro. Ás 14:00h saía a procesión arredor da igrexa parroquial para, a continuación, celebrarse a tradicional poxa das ofrendas á Virxe. Patacas, pementos, coellos, capóns, panos, plantas... Ouzande ao redor do cruceiro nun día de festa.

9 de setembro de 2012

Éxito de público de GO ON de MALASOMBRA TEATRO:::


Na tarde de hoxe, a compañía teatral de Xoque Carbajal Malasombra teatro puxo en escena GO ON no Campo da Festa de Ouzande. Numeroso público achegouse ata o teatro improvisado pola Fervenza de Ouzande neste lugar para gozar cunha historia divertida que fala de nós mesmos.
Da autoría de Xosé Prieto e coa dirección de Marcos Orsi e co traballo de Carlos Alonso na escenografía, son e vestiario. Os intérpretes son Xoque Carbajal e Jousue García.
A historia que se conta nesta obra é a dun reto necesario logo da chegada do home á lúa, a súa chegada a Galicia. Así é como os dous actores entrañan a dous lunáticos personaxes que deciden adentrarse na odisea de investigar que é e como é Galicia. Farano pola ruta xacobea.
Así é como teñen que loitar contra un can de palleiro, entender a matanza, despistar a Santa Compaña, viaxar nun tren galego...
Todo isto para conseguir as constantes gargalladas do público e a complicidade do mesmo.
Malasombra teatro xa ten unha nova obra en cartel, pero a partir desta actuación retoman Go On logo do parón do verán para representala en diversos auditorios de Galicia adiante. Polo momento xa é a obra que conta con maior número de representacións.un momento da representación

Os casados quedaron ás portas do triunfo no III Triangular de Fútbol Mixto:::

Na tarde de onte viviuse unha intensa e emocionante tarde de fútbol en Ouzande. Os casados quedaron ás portas dun triunfo que non se conseguiu ata o final do torneo. O trofeo levárono os solteiros no último minuto, unha victoria que se tivo que esclarecer a penaltis.
Na selección dos separados xogaron Xoque, Darío, Paco "o triste", Manolo de Bras e mailo Civil. A escuadra dos solteiros formárona Noe Bouzón, Fofi, Fon, Bouzón Junior, Sergio, Lois Barros e Alejandro. O equipo dos casados formouse con Xosé Costa, Xabier de Camba, Bouzón pai, Alberto de Cabanas, Juan e José de Topete.
O primeiro dos encontros foi entre os solteiros e casados, houbo un empate 4-4 e un desempate a penaltis favorable para os casados (4-1). O segundo dos encontros foi entre separados e solteiros (3-5) e o derradeiro disputárono os casados e os separados (3-3) Ao quedaren empatados houbo rolda de penaltis (3-0) Deste xeito gañaron os solteiros por golaveraxe.
Durante o encontro non houbo incidencias a salientar aínda que a tensión e os ánimos estiveron caldeados durante os tres partidos. O público animou con forza ás súas seleccións nun encontro que resultou moi animado e que ofreceu espectáculo desde o principio até ao final.



foto de todos os xogadores ao inicio do Triangular


Selección dos solteiros co trofeo ao remate do Triangular


A selección dos casados contou co apoio de José de Topete para completar o cadro de xogadores


Os separados que gañaran o II Triangular ofreceron espectáculo


O trofeo xa loce trala barra da Taberna canda outras copas conseguidas pola parroquia, a máis antiga data de 1969

8 de setembro de 2012

Continúan as Festas do Socorro a ritmo deportivo trala "V Fervenza de Músicas":::


Na noite de onte comezaron as Festas do Socorro coa "V FERVENZA DE MÚSICAS". No carro do polbo xa se mesturou a primeira hora o fume do churrasco coas coplas dos "Cabernícolas". Foi unha velada animada e divertida que contou con numeroso público e un alto nivel musical. O máis agradecido da festa foi a unión de todos os grupos que formaron unha gran roda baixo a carpa para tocaren xuntos diversas pezas. Animaron o ambiente provocando que os bailadores saisen ao medio do campo. Ouzande foi onte unha fervenza de música, baile, diversión e compañeirismo, recollemos nun video especial algúns deses momentos.

O carro do polbeiro encheuse de contado

Hoxe celebráronse os actos relixiosos na honra da Virxe do Carme e a "sesión vermouth" estivo animada pola formación "BLUESTAR" que ás 14.10 abría a súa actuación co pasodoble de Reveriano Soutullo e María a Portuguesa.
Ás sete da tarde no Campo da Festa vaise celebrar o III TRIANGULAR DE FÚTBOL MIXTO SOLTEIROS-CASADOS-SEPARADOS, unha actividade que levanta grande espectación e que este ano cobra especial interese pois nas edicións anteriores gañaron solteiros e separados, polo que desta volta os casados terán que afanarse por conseguir o trofeo. Para participar chega con estar no Campo da Festa un pouquiño antes do inicio do encontro para que os seleccionadores organicen os seus equipos.
Pola noite haberá verbena con Bluestar e Géminis.

Carteis das actividades das festas

Mañá domingo a festa comeza cedo con diversos actos relixiosos na honra da Virxe do Socorro e maila tradicional poxa das ofrendas. Pola tarde, ás 7, péchanse as festas deste ano na parroquia coa actuación de MALASOMBRA TEATRO que ofrecerá unha función gratuíta da súa obra "GO ON", a máis representada en Galicia e que está protagonizada por Josué García e o noso veciño Xoque Carbajal.

2 de setembro de 2012

"GO ON" de MALASOMBRA TEATRO o vindeiro domingo no Campo da Festa de Ouzande:::

O vindeiro domingo, coincidindo coas festas do Socorro, a Compañía MALASOMBRA TEATRO actuará no Campo da Festa. Será unha comedia protagonizada por Xoque quen quixo compartir esta exitosa peza coa veciñanza. Será ás 19.30h

Autor: Xosé Luis Prieto Dirección: Marcos Orsi Escenografía: Carlos Alonso Son: Malasombra Iluminación: Malasombra Vestiario: Carlos Alonso
Elenco artístico / formación: Jouse García e Xoque Carbajal

Logo da chegada do home á lúa á humanidade só lle faltaba un reto: a chegada do home a Galicia. No ano 2010 (ano 25 despois de Gayoso), dous intrépidos exploradores tiveron o valor de adentrarse nas descoñecidas terras galaicas a través da ruta xacobea.

"GO ON!" recopila esta experiencia límite que deixa aos do "Al filo de lo imposible" como simples boyscouts.

"GO ON!" é unha emocionante novela de aventuras na que os seus protagonistas viven situación extremas como o terrible ataque do despiadado can de palleiro ou a entrevista a un porco no corredor da morte.

"GO ON!" é un completo folleto turístico que servirá para que outros ousados viaxeiros saiban como conseguir alimento nas festas gastronómicas ou como identificar á Santa Compaña.

"GO ON! é un manual de supervivencia imprescindible para saber como viaxar nun tren galego a velocidade negativa cheo de galegos cantando cancións populares ou como ser porco e sobrevivir no San Martiño.

"GO ON! é unha guía de primeiros auxilios con recomendación necesarias como que facer logo de ser salvaxemente agredido por un toxo ou que facer logo de limparse o cú con ortigas.

"GO ON!" é a conferencia que percorre o mundo dende Burgos a Arkansas desvelando os misterios máis íntimos de Galicia e os seus habitantes, como cal é a orixe da frase "non me toques os suevos", cada canto tempo cambian as sábanas os da Santa Compaña, ou cal é a resposta definitiva á pregunta máis trascendente de todas as preguntas: "Que din os rumorosos na costa verdecente?"

"GO ON!" . Unha odisea cómica no espacio galego.

1 de setembro de 2012

Presentan o cartel da "Fervenza de Músicas":::

A Fervenza de Ouzande vén de facer público o cartel da foliada que se celebrará o próximo venres no Campo da Festa de Ouzande. Cinco serán os grupos que protagonicen a cita festiva na que non faltará unha gran carpa para protexerse e un posto con polbo e churrasco para poder cear coas xotas e muñeiras de telón de fondo.
presentación do cartel da "Fervenza de Músicas"

O grupo pontevedrés MARAVALLADA abrirá a festa, a continuación acturá un divertido grupo de Compostela que se fai chamar OS TABERNÍCOLAS. Orazo traerá o mellor das súas músicas coa XUNTANZA DOS REGATOS. O grupo PANA RAIADA de Santiago animará unha vez máis esta festa canda ao grupo ouzandés RETROUSO que novamente tocarán en Ouzande as pezas do seu disco "OU".
Á venda xa están as camisolas do festival que levan o lema deste traballo de Retrouso, no Campo da Festa van instalar tamén un posto para poder mercar tanto a camisola coma o disco. A "FERVENZA DE MÚSICAS" vai comezar ás dez da noite do próximo sábado 7 de setembro para darlle inicio ás festas do Socorro na nosa parroquia.

cartel da Fervenza de Músicas


foto do grupo Maravallada
foto de Pana Raiada