31 de maio de 2012

Este domingo pecha o programa de rutas a pé cunha saída cara aos montes de Arcos:::


Este domingo, día 3 de xuño A Fervenza de Ouzande ten prevista sair novamente ao monte para facer a "Ruta dos Montes de Arcos", será o peche do programa de roteiros a pé desde a parroquia "Imos Andar"
A saída terá lugar ás 9:30 horas dende a Igrexa de Ouzande, o remate ás 13:30 h no mesmo sitio. Será daquela cando os participantes serán obsequiados cun pequeno refrixerio de convivencia por parte da asociación ouzandesa.
En total suman 13 km que pasarán pola Fervenza e muíños de Ouzande, polo castro de Arcos ou Fonte do Redondo ao regreso.
O punto cara a onde se vai chegar é o Monte de Arcos de Furcos, subiráse á Chan do Curro, Un dos picos máis altos dos Montes da zona con de 518 m. Ten fermosas vistas cara o Val da Anllada, de estar o día claro pódese gozar de vistas da Ría de Arousa.
Esta saída pecha o programa de rutas desta tempada, que levo aos camiñantes polos carreiros de Ouzande ou polo Monte da Somoza. A próxima actividade programada pola Fervenza de Ouzande será o 23 de xuño coa festa do Lumeiro. Aínda que antes disto a Xunta Parroquial xa ten anunciado que o día 8 han facer a festa da sardiñada na honra a Santo Antonio, da que informaremos nos próximos días.

28 de maio de 2012

Día feliz de excursión en Ouzande:::

Na xornada de onte un numeroso grupo de ouzandeses gozaron dunha xornada fermosa de excursión. Foise seguindo a programación prevista coas visitas a Mugardos, Redes e Betanzos.
A parte máis agradecida foi cando o presidente da asociación cultural e instrutiva de Redes recibiu a concurrencia ouzandesa para presentarlles a historia e a realidade da vila de Redes. Tras o visionado dun video e a explicación dos principais aspectos da sociedade redense, houbo un intercambio de agasallos entre as dúas asociacións e unha visita guiada á vila. A pesar de facer a chuvia acto de presenza en dúas ocacións, esta non impediu que se desenvolveran as visitas previstas nin minguou os ánimos. A antiga escola de Redes acolleu aos excursionistas para o xantar e posterior convivencia festiva.
O antigo lavadoiro de Betanzos, o parque do pasatempo e a vila de Betanzos foron visitadas pola tarde para goce das 62 persoas que participaron activamente na excursión.


24 de maio de 2012

Pesar en Ouzande polo pasamento de Florentino do Rubio:::


Florentino do Rubio finou o pasado 14 de abril aos 93 na cidade brasileira de Itapeva, onde residía desde hai moitos anos, de feito a súa última visita ao seu Ouzande natal fora en 1967. A nova chega a Ouzande grazas ao seu amigo Manolo de Cabanas quen falaba con el e o visitaba periodicamente.



A pesar de levar moito tempo lonxe de Ouzande, Florentino do Rubio é coñecido actualmente en Ouzande logo que de a revista Carreiros fixese unha reportaxe sobre a súa biografía. Este video era co que se presentaba no ano 2008 este artigo e mailo "Carreiros 7"



Pódese ler en liña "De cando Florentino do Rubio quixo facer casa no Formigueiro". Sirva a lectura deste para refrescarnos a memoria e como homenaxe a Florentino do Rubio.



22 de maio de 2012

Aínda quedan prazas libres para a excursión a Redes (Ares):::









Aínda queda algunha praza libre para a excursión que levará a Ouzande ata as Rías de Ares e Mugardos. A organización contratou un segundo autobús para ampliar o número de prazas posto que estas esgotáronse mesmo antes de que anunciasen a actividade. Deste xeito haberá un máximo de 70 prazas, as persoas que se inscriban a maiores pasarán a englobar unha nova listaxe de espera. Terán praza só se hai algunha baixa. Arestora estáse chegando a esa cifra.
A excursión partirá o vindeiro domingo da parroquia para visitar a vila mariñeira de Mugardos pola mañá e maila televisiva de Redes, onde veciños desta parroquia de Ares farán de anfitrións. Logo dun xantar campestre de convivencia visitarase e vila histórica de Betanzos ao tempo que se toma camiño de regreso.

imaxe de Redes, na ficción coñecida como "Louredo"

As previsións metereolóxicas pevén un día sen choiva, máis despexado a medida que vaia avanzando a xornada. As temperaturas serán agradables, chegando aos 18 graos ao mediodía e tendo unha mínima de 12 graos no momento de partir de Ouzande.

17 de maio de 2012

Multitudinaria "Ruta das Letras" hoxe en Ouzande:::

A edición deste ano da RUTA DAS LETRAS organziada pola asociación cultural da parroquia encheu os camiños de Ouzande e da Somoza de xente.
A cita estaba prevista para as dez menos cuarto, pero saíuse case ás dez mentres se ían incorporando as 62 persoas que desta volta deciciron celebrar o Dia das Letras botándose a andar polo monte.
A única incidencia da xornada foi a protagonizada por unha camiñante que, minutos despois do inicio, se sentiu indisposta, tendo que abandonar a marcha.

O percurso adentrouse na zona da Fervenza para que os camiñantes pudesen contemplar os muíños ouzandeses, a continuación adentráronse polas carballeiras da parroquia para ir saír á Somoza.


Trala visita ao lugar de Castrorramiro iniciouse o camiño de regreso pola mesma zona, mais cambiando de camiños para delicia dos camiñantes.
Cruzar regatos, tratar de non enlamarse nalgunhas zonas da ruta e falar, sobre todo falar, dándolle saída ás "letras galegas" ao tempo que se avanzaba novamente cara ao adro da igrexa de Ouzande.



Alí, na igrexa da parroquia foi onde se fixo a entrega dos libros cos que a asociación quixo agasallar aos camiñantes; O PORCO DE PÉ de Vicente Risco, MAXINA OU A FILLA ESPÚREA de Marcial Valladares, CONTIÑOS DA TERRA de Manuel García Barros ou FIANDEIRAS, o premio Garcia Barros do ano pasado do escritor Antonio piñeiro foron os títulos escollidos, moi relacionados coa nosa zona. A asociación contou coa colaboracion do Concello da Estrada na adquisición destas obras.
A valoracion dos participantes foi moi positiva, a ruta tiña un perfil moi axeitado para o obxectivo do día "andar e falar". A novidade trouxérona algúns membros de "Vai polo Río", unha asociación de sendeiristas de Pontevedra que se uniu a marcha e que gozou do noso entorno.
A próxima ruta está programada para o día 3 de xuño, desta volta en domingo.

12 de maio de 2012

LETRAS GALEGAS EN OUZANDE:::

O vindeiro xoves 17 conmemórase o Día das Letras Galegas que, desta volta se lle dedica ao autor e empresario Valentín Paz Andrade Ouzande rendirálle tributo ás súas letras e á lingua galega cunha nova andaina que partirá da igrexa ás 9.45 da mañá e que ten previsto durar ata a una e media do mediodía. A ruta a camiñar será a "ruta das carballeiras" pois discorrerá polas carballeiras que hai polos montes de Ouzande e A Somoza. Ademais, a organización agasallará aos camiñantes con libros para poder celebrar o resto da xornada das letras lendo.

Fotografía do homenaxeado:

Reproducimos unha cita deste empresario que cría na súa terra: "Galiza pode progresar, sobre todo na economía, se acredita no seu idioma"

Imaxe dunha ruta anterior:

Alertan do perigo por unha masiva fumigación preto de Ouzande:::

A patronal española do papel (ASPAPEL) pretende realizar coa colaboración da Xunta de Galicia e outras entidades unha fumigación masiva das plantacións de eucaliptos galegas afectadas por un insecto, o Gonipterus scutellatus. A fumigación vaise realizar cun insecticida chamado comercialmente Cascade, cuxo principio activo é unha substancia denominada flufenoxurón. Esa substancia foi catalogada como daniña pola Unión Europea e prohibiu a súa venda a partir do 1 de agosto deste ano (2012). Un dos seus peores efectos é que é altamente tóxica para as larvas das abellas, como o propio fabricante recoñece na etiquetaxe do produto. En consecuencia cortaráse o proceso de polinización das froiteiras: Maceiras, pereiras, castiñeiros, viñas, kiwis, amendoeiras, pexegueiros, cerdeiras, ameixeiras… e de especies forraxeiras como a alfalfa, o trevo, o liño, o algodón… Para os ouzandeses isto notaráse sobre todo nas hortas afectándolle aos tomate, coles, cabazos, pementos, cenorias, perexil, nabos, brécol, porro, couveflor, berenxenas, melóns, cogombros, amorodos, framboesas, espárragos, silveira (amoras)…

Todo isto sen ter en conta os efectos directos sobre a saúde humana pois estamos falando dun pesticida PROHIBIDO pola propia UNIÓN EUROPEA a partir do verán. Na zona da Estrada teñen previsto facer unha fumigación moi potente na zona marcada no mapa, afectándolle indirectamente aos mananciais de auga da zona, polo que será necesario facer análises nas fontes e aguas das traídas. En vermello sombréanse as zonas máis poboadas:


Esta viñeta é de Luis Davila. Repreducimos un video que profundiza sobre esta alarmante ameaza para a vida local.

As altas temperaturas continuarán durante a próxima semana:::

As predicións metereolóxicas alertan de que se mantén a influencia anticiclónica sobre Galicia, co que a situación non vai cambiar nos próximos días, quedando de novo os ceos pouco anubrados ou despexados. A temperatura máxima de hoxe chegou ata os 27 graos, nos próximos días haberá subidas e baixadas semellantes. O xoves deixaremos de estar baixo a influencia do anticiclón e volerá a humidade.


Ouzande marcha de excursión:::

Unha das actividades de animación social da parroquia máis agardados do ano é a excursión da Fervenza de Ouzande. Desta volta programouse para o 27 de maio e xa non quedan vacantes. O destino nesta ocasión son as Rías de Ares, Mugardos e Betanzos.

Ás nove da mañá o autobús arracará cara o norte de Galicia para visitar a fermosa vila de MUGARDOS.

De seguido a comitiva ouzandesa fará irmandade coa vila televisiva de Redes, máis coñecida na pequena pantalla como Louredo (ejem, Santo Antonio de...)

Logo dese momento de compartir e convivir á hora do xantar, que se fará nunha área de recreo da zona, a excursión visitará a histórica cidade de Betanzos.
A organización ten prevista a chegada á parroquia para as 21.00h

Hai 55 vacates, xa cubertas a falta de 15 días para esta actividade e está a aumentar o número de persoas en reserva. Para facelo chega con achegarse á taberna de Ouzande e anotarse ou vía telefónica no 986 57 02 85 antes do 25 de maio.

O prezo da viaxe é de 15 euros, con descontos para as persoas asociadas (9€ os adultos e 4€ os menores de idade)

2 de maio de 2012

Ouzande estrea a primavera:::

Cadrando coa festividade do día do traballo, A Fervenza de Ouzande arrancou coa actiivade sociocultural programada para os próximos meses cunha marcha a pé pola parroquia. "Polos carreiros de Ouzande", así deron en chamar a unha iniciativa que xa se realizou en máis ocasións. Desta volta, e desafiando á chuvia, un nutrido grupo de veciños e visitantes botouse aos camiños da parroquia escorrentando a auga durante as dús horas da marcha.
Unha vintena de camiñantes paseou polo Formigueiro, polos Muíños da Fervenza, polo Monte de Ouzande... facendo boca para a próxima ruta que será o 17 de maio, coincidindo co día das Letras.