28 de abril de 2012

Así será a RUTA DOS CARREIROS DE OUZANDE:::

O próxmo 1 MAIO DE 2012 a Fervenza de Ouzande botarase aos carreiros de Ouzande, unha ruta gratuíta e aberta a ouzandeses e visitantes, unha oportunidade única para coñecer un pouco mellor a parroquia:

ACCESOS: Hai que sair da igrexa de Ouzande (A Estrada), situada a 700 do centro urbano da vila en dirección sur; rúa Pérez Viondi e travesía de Ouzande (sinalizada). A igrexa está a man esquerda.

PUNTO DE PARTIDA / CHEGADA: A citada igrexa, é unha ruta circular, alí hai sitio para estacionar os turismos.

PERCORRIDO: 9 quilómetros, atravesando os diferentes lugares de Ounzande (O Formigueiro, Alemparte, O Redondo, O Picoto, O Castro e O Tallo) polos antigos carreiros e camiños, reparando en diferentes puntos de interese como fontes, lavadoiros e antigas calzadas. Unha parte do roteiro cruzará o monte de Ouzande, con numerosas carballeiras e pequenos bosques de acivros.
Tamén percorreremos un tramo da Ruta da Fervenza e muiños de Ouzande.

DIFICULTADE: baixa

DURACIÓN: 3h

MATERIAL: levar roupa cómoda (chándal, botas de montaña…) e ter en conta a predicción metereolóxica.

SAÍDA: 10:00h

REGRESO: 13:00h

PUNTOS DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:

-Igrexia de Ouzande: É de estilo orixinalmente románico, conserva elementos da época coma os canzorros que son únicos na zona ao representaren pecados condenados pola Igrexa. Tamén destaca o seu arco central, o agnus dei, o retablo barroco do Carme…

-Cruceiros: hai dous que están nas inmediacións da igrexa, un deles é dos máis antigos da zona, foi recollido por Castelao en *As Cruces de Pedra da Galiza .

-Muíños da Fervenza: conxunto formado por sete muíños distribuidos en pouco máis de cincocentos metros, o máis antigo data do S.XVIII. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóutonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación do curso fluvial do regueiro da Fervenza, salgueiros, ameneiros…). Destaca a orografía que crea neste punto a famosa Fervenza, aínda que son numerosos os cachóns ou pichos, ao longo desta parte de percorrido fluvial na nosa ruta.

-Vistas panorámicas: fermosas vistas paisaxísticas cara ao val do río Liñares co monte da Rocha ao fondo. Tamén se divisa neste percorrido a vila da Estrada desde numerosas perspectivas, así como a cidade de Compostela, o val do río Ulla, Pico Sacro, montes da Somoza, Torres de Guimarei…

Comeza a actividade primaveral en Ouzande:::



O próximo marte 1 de maio A Fervenza de Ouzande daralle a estrea ao programa de actividades culturais da parroquia que se compoñen de distintas iniciativas como unha excursión, a festa do lumeiro e varias saídas na natureza:

RUTAS A PÉ. IMOS ANDAR

Son dúas rutas de sendeirismo, a primeira o próximo día festivo; martes 1 de maio. Ruta dos carreiros de Ouzande. recorreranse os diferentes carreiros polo monte e os diferentes lugares de Ouzande, incluíndo a Fervenza e os muíños. A hora de saída é ás 10 da mañá, diante da igrexa de Ouzande. A chegada prevese para a unha do mediodía.
A segunda será o xoves 17 de maio. Trátase da VII Ruta das Letras. A saída prevese para as 9:45 da mañá, diante da igrexa de Ouzande. A chegada sobre as
13:30. Cada un dos/das participantes será agasallado cun libro. Estas dúas saídas son totalmente gratuítas e abertas tanto as persoas socias como ao público en xeral.

9 de abril de 2012

A madriña con máis afillados da parroquia veu traer a rosca:::

Cando ían dar as sete e media da tarde de onte, o Campo da Festa xa estaba moi concurrido ante o anuncio da Fervenza de Ouzande da visita da madriña da asociación, Paula Carballeira.
Chegou un pouco agobiada por saber se chegarían as roscas que trouxo para tanto afillado. Pero abofé que chegaron pois quen se achegou ao campo non era tanto para comer senón para poder saudar á polifacética madriña da asociación.
Paula recordou que isto da rosca é novidade para ela, cando vivía en Fene non se estilaba esta tradición polo que na nosa zona está encantada.
Falou con tantos afillados e afilladas que se sentiu privilexiada, posiblemente sexa a madriña con máis rosca a repartir desde que A Fervenza de Ouzande lle pediu que apadriñase á entidade coa presentación do documental dos dez anos. Paula é moi cumpridora e veu traer a rosca.
Foron moitos os "fans" da nosa madriña que non desperdiciaron a ocasión para sacarse unha fotiño coa "Carmiña" de "Libro de Familia".
Contadora de historias, actriz, autora de libros infantís e tamén, como non, madriña da Fervenza de Ouzande quen lle está moi agradecida pola visita tan agradable e polo convívio de onte, Domingo de Pascua.

Paula Carballeira Cabanas, madriña da asocicación. Onte no Campo da Festa

Roscas e libros que trouxo Paula e que compartiu cos seus-suas afillados-as

foto de reocordo da "vista pascual" da madriña-Paula

8 de abril de 2012

A Pascua e as roscas chegan a Ouzande:::

Ademais das típicas celebracións relixiosas que decorreron sen novidades en Ouzande, a parroquia está a vivir estes días de Pascua con Retrouso a gravar o seu disco e coa visita de Paula Carballeira.

O grupo ouzandés Retrouso está a gravar o seu primeiro disco en FRIOL (Lugo) motivo polo cal os seus membros andan moi atarefados esta Semana Santa, ademais participaron o Xoves e Venres Santo na actividade deseñada pola hostelería estradense "Santas Tapas" animando os distintos locais onde se congregou a clientala a degustar as saborosas tapas.

Por outra banda, a Fervenza de Ouzande recibiu a noticia de que a súa madriña, Paula Carballeira, quería vir a "traerlle a rosca" polo que esta mesma tarde organizaron unha chocolatada para poder ter un convívio con esta xenial madriña. A asociación ultima tamén a programación de diversas actividades de cara á presente primavera, como é o caso da excursión anual, das rutas a pé ou dalgún curso novo.

Paula Carballeira achegarase esta tarde á parroquia para "traer a rosca"
Retrouso grava o seu disco e actuou o xoves e venres en locais da Estrada dentro do programa "Santas Tapas"