31 de agosto de 2011

Ouzande engalánase para as Festas do Socorro:::


Ouzande engalánase para celebrar as festas de setembro, as do Socorro. Xa está todo listo para que o venres se celebre a IV festa FERVENZA DE MÚSICAS,´con polbo e churrasco e unha carpa por se o tempo non acompaña. Outra das cousas máis esperadas destas festas é o TRIANGULAR de Fútbol misto de OUZANDE que xa está na súa II edición e que levantou moita espectación, xa se poden anotar as persoas na taberna de ouzande ou buscando na rede social facebook o perfil de "festas de ouzande" e deixando unha mensaxe. O domingo é o día da tradicional poxa. Con estas celebracións péchanse as festas de 2011 que en agosto contaron con numeroso público e aceptación.

29 de agosto de 2011

Ouzande volve pasar "unha noite no muíño":::


Foi a do sábado pasado cando numerosos veciños e veciñas "acamparon" ao pé do Muíño do Rubio para pasaren unha velada moi divertida. Houbo animación con un pouquiño de medo por cortesía das xeracións máis novas, cea por familias e grupos de amigos. A nota máis máxica púxolla o bardo da asociación ouzandesa no momento de recitar o conxuro da queimada. A música e o baile conxugáronse para correr o frío xa entrada a madrugada.

16 de agosto de 2011

ÉXITO DO MAGO JOSÉ RIVERA EN OUZANDE:::



A actuación do Mago José Rivera supuxo un éxito de público e participación nesta actividade programada pola Fervenza de Ouzande para despedir as festas patronais 2011. O espectáculo estivo cheo de humor e ilusionismo, deixando abraiado ao público que case non collía dentro do local social da parroquia.
A Xunta Parroquial traballa arestora en ultimar o cartel das vindeiras festas do Socorro en setembro para o que teñen previsto que se celebre a II edición do TRIANGULAR de fútbol (solteiros-casados-separados/as) debido á enorme espectación deste encontro na parroquia.

14 de agosto de 2011

ACTIVIDADES NAS FESTAS DE OUZANDE:::

Hoxe é o último día das festas patronais deste ano en Ouzande. A noite do venres tivo moito éxito de público e foi moi animada grazas ás actuacións dos grupos tradicionais da zona (Retrouso, O Regato de Matamulleres e Os Berros do Castro).
Na mañá de onte Antaruxa (tamén con compoñentes ouzandeses) amenizou a procesión e saída da misa dándolle paso á sesión vermouth con Nebraska. Xa pola tarde celebrouse unha xuntanza na igrexa románica de Ouzande para que o cura párroco explicase os traballos realizados na recuperación do retablo das Ánimas. Aínda que non foi numerosa a asistencia por ser día de festa e por estar pouco anunciada esta charla, ás sete e media da tarde comezou a explicación do proceso de restauración e do contido iconográfico do retablo que ata o momento se mantiña oculto detrás do fume e humidade que cubría esta obra de arte descoñecida para a veciñanza. O retablo é do que se coñece como estilo barroco popular e non se sabe quen foi o autor desta obra rica e complexa. A escena principal que se presenta no mesmo é a da Redención, presentando o mundo terrenal e o celestial. Hai unha porta na parte mundana que se mantiña oculta e que simboliza a entrada aos ceos desde a terra. Na parte superior mesmo temos ao mesmísimo demo nunha escena onde trata de ser eliminado. A riqueza haxiolóxica está protagonizada por dúas mártires difíciles de distinguir; por un lado Santa Bárbara e polo outro unha imaxe moi semellante que podería corresponder a Santa Baia ou Santa Mariña.San Francisco aparece salvando aos homes do purgatorio, la Virgen del Carmen e a Santísima Trinidade ou San Miguel e o Anxo Custodio completan as escenas. O motivo do retablo é a redención das ánimas do purgatorio.

Pola noite foi notable a asistencia de público a unha festa que loitou fronte a unha mormaceira que quixo deslucir a verbena. Nebraska e o Trío Luzada foron os que animaron a mesma, a pesar de estar anunciada a presenza do Dúo Satélite no canto do mencionado trío musical. Hoxe durante a mañá está a actuar a charanga Os atrevidos nunha xornada dominada pola nubosidade e a baixada das temperaturas.
Para as sete e media da tarde dará inicio a actuación do Mago José Rivera que fará o peche destas festas patronais cun espectáculo cargado de ilusión e sorpresas.
A comisión de festas está a ultimar ao mesmo tempo a programación para as Festas do Socorro que decorrerán os días 9, 10 e 11 de setembro.

11 de agosto de 2011

MAXIA NAS FESTAS DE OUZANDE:::


Será da man de JOSÉ RIVERA, un mago ourensán que se achegará ao local social de Ouzande o domingo para ás sete e media do serán poñer o punto e final ás festas patronais da parroquia. o MAGO JOSE caracterízase polo humor nas súas actuacións e pola capacidade de sorprender e ilusionar ao público; adivinacións, mentalismo,xogos de mans, cartas, maxia de escena... con ecos a mestres como Tamariz ou Pepe Carrol.

NEBRASKA E SATÉLITE amenizarán a festa do sábado:::


Estas dúas formacións amenizarán a festa de Ouzande o sábado á noite. Nebraska encargaráse tamén da SESIÓN VERMOUTH do mediodía. Durante a mañá tocará o grupo de música tradicional ANTARUXA. Pola noite o dúo SATÉLITE acompañará a NEBRASKA.

MÚSICA DE OUZANDE NO INICIO DAS FESTAS PATRONAIS:::


Retrouso, o Regato de Matamulleres e Os Berros do Castro son as tres formacións musicais que darán o pistoletazo de saída das festas patronais de Ouzande. A boa música animará a festa ao tempo que os asistentes degustan polbo e churrasco no carro que arestora xa está instalado no Campo da Festa.
A formación ouzandesa RETROUSO partirá logo desta actuación cara a terras francesas para repetir a experiencia que tiveron na Bretaña. O Regato de Matamulleres repite actuación en Ouzande e afirman sentirse xa da parroquia, recordamos que son músicos procedentes da veciña Callobre. O grupo menos coñecido é OS BERROS DO CASTRO que tamén ten relación con Ouzande pero non polo noso Castro pois é unha formación ferrolá na que actúa un ouzandés; Loureiro. Será a primeira vez que actúen na parroquia polo que son menos coñecidos. O seu repertorio confórmano pezas de música tradicional galega recuperadas de cancioneiros, como o "Cantos e bailes da Galiza" de J. Inzenga ou o "Cancionero Musical de Galicia" de Casto Sampedro; traballos de campo; ou pezas procedentes do repertorio de grupos tradicionais de renome en Galicia, entre outros, Raparigos, Os Cruceiros, Os Rosales, ou os Gaiteiros de Soutelo de Montes. Esta formación está integrada por José E. Rodríguez ao acordeón, Ramón Dopico na percusión, Marcos Gómez coa Percusión, Bruno Casal tocando a gaita, o ouzandés Xosé L. Loureiro co clarinete e Antón Varela no vento das gaitas e frauta.

3 de agosto de 2011

A vindeira fin de semana Ouzande celebra as festas patronais:::


Este é o cartel. A Xunta Parroquial xa ten ultimado o programa de festexos patronais. Comezarán na tardiña do venres cunha romaría cos grupos Berros do Castro, Regato de Matamulleres e Retrouso. Nesa primeira noite haberá polbeiro. O sábado actuarán Antaruxa para animar as festas ao mediodía canda a orquestra Nebraska que tocará para a "sesión vermouth". A verbena terá as formacións Satélite e Nebraska como animadoras. O domingo pasarrúas, concerto e procesión coa charanga Os Atrevidos. Pola tarde animación co mago Jose Rivera ás sete e media no Campo da festa.

2 de agosto de 2011

Presentan a X RUTA BTT RAPA DAS BESTAS:::


O pasado luns 1 de Agosto foi presentada oficialmente a X Ruta BTT Rapa das Bestas, que se celebrará o 11 de Setembro no concello estradense. A principal novidade desta edición é que ademais da clásica ruta cicloturista, será a celebración do CAMPIONATO DE GALICIA DE BTT MARATÓN, de onde sairá a selección galega que acudirá ó campeontao de España que terá lugar o 1 de Outubro en Huelva.
Esta ruta terá saída na vila estradense pero pasará por distintos puntos da parroquia ouzandesa tanto no momento de saída como no regreso, a organización baralla ubicar en Ouzande a meta para o Campionato de Galicia de BTT Maratón. Achégase un mapa cos lugares que percorrerá a marcha e un enlace á web de bikestrada, entidade orgnaizadora do evento.
A ruta coincidirá coas festas do Socorro e pasará pola zona do Castro (Avda de Vigo, camiño do Castro, camiño do Picoto, O Curro, Matadoiro Comarcal, pista de Zoo...)