27 de abril de 2010

A Fervenza de Ouzande anuncia unha nova rota de sendeirismo pola parroquia:::


Segundo puidemos coñecer estes días A Fervenza de Ouzande comeza o programa de roteiros de primavera o día primeiro de maio de 2010 cun roteiro polos "carreiros" de Ouzande, unha camiñata de oito quilómetros que pasará polos lugares todos e polo monte. A organización ten a previsión de sair ás dez da mañá dende a igrexa para regresar ao mesmo punto á unha do mediodía. A asistencia é gratuíta e chega con estar no punto de partida o vindeiro sábado día 1 de maio á hora sinalda. Para anunciar este evento a asociación publicou esta información no seu muro da páxina facebook onde tamén se poden ver fotos dos lugares a percorrer. Neste lugar están publicadas opinións de asistencia de distintas persoas.

19 de abril de 2010

O abeto do Campo da Festa que causa perigo hase cortar este sábado:::


Hai xa tempo que unha das árbores situadas tralo cruceiro do Campo da Festa ameaza con desplomarse sobre o camiño e a Casa dos de Pura, o perigo vai en aumento posto que lle afectaría esta posible caída aos cables do tendido eléctrico que atravesan pola parte traseira do Campo.
Por este motivo a Xunta Parroquial vai acometer os traballos pertinentes para a retirada deste exemplar de abeto, será o próximo sábado 24 ás nove da mañá. Convidan a toda a veciñanza que poida aportar axuda a presentarse no lugar.

A Xunta Parroquial convoca unha reunión para formalizarse legalmente:::


A Xunta Parroquial decidiu levar a cabo o labor de legalización deste organismo para poder así mellorar os servizos que presta á parroquia.

A asociación que se constitúa sobre a antiga entidade será, entre outros, a encargada de representar oficialmente a parroquia ante as persoas e institucións pertinentes e de conseguir axudas ou outros bens de interese para Ouzande.

O vindeiro sábado ás 8 da tarde realizarase unha pequena presentación dos estatutos polos que se rexerá a nova entidade explicando os principais puntos de interese para todos os que desexen formar parte desta iniciativa.