26 de febreiro de 2010

Alertan dun forte temporal para este sábado:::

Tanto o servizo de metereoloxía de Galicia (Meteogalicia) coma o do Estado (Axencia Estatal de Metereoloxía) advirten de que continuará o mal tempo, podendo este complicarse moito nas vindeiras 72 horas. Provisionalmente, as autoridades decretaron este xoves a alerta vermella no litoral das provincias da Coruña e de Lugo. Para este venres agárdase unha pequena tregua. Porén, a principal preocupación ten que ver co prognóstico meteorolóxico de cara o sábado.

Meteogalicia alerta de que hai unha fronte moi activa (un ciclón extratropical) que tocará terra contra primeiras horas da noite do sábado e que afectará a todo o país até a mañá do domingo. O principal perigo de cara a fin de semana vai ser os ventos que se prevén moi fortes (con refachos de máis de 130 km/h).

Estaremos, pois, en alerta vermella polo que cómpre aumentar as precaucións nas próximas horas, tal e como indica o mapa de Meteogalicia:

Segundo a Axencia Estatal de Metereoloxía, esta vai ser a predición para o sábado á tardiña

25 de febreiro de 2010

Este domingo preséntase a revista CARREIROS:::


Este domingo 28 de febreiro ás 6 da tarde no local parroquial hase presentar a edición número 8 da revista Carreiros editada pola Fervenza de Ouzande. As novidades desta volta serán o estudo das casas de Ouzande así como da súa toponimia. Coma en revistas anteriores faise un repaso ás noticias de 2009, publícanse fotografías de interese, hai unha entrevista a Manuel de Chedas así como unha escolma poética de persoas próximas a Ouzande. No acto visionaráse o video que a asociación creou con motivo do entroido e a "inauguración" das beirarrúas.
MÁIS INFORMACIÓN EN WWW.CARREIROS.BLOGSPOT.COM

24 de febreiro de 2010

Entrevista sobre Ouzande en Correo TV:::


Xabier Camba, presidente da Fervenza de Ouzande, foi entrevistado no programa O FALADOIRO de Correo Tv. Esta noticia sae publicada tamén no semanario do grupo El Correo Gallego TIERRAS DE SANTIAGO.
Por outra banda, a asociación cultural da parroquia vén de facer público un video sobre a "inauguración" das beirarrúas que se celebrou co gaio do entroido de Ouzande, pódese ver canda unha presentación de fotos no Blog da asociación.

18 de febreiro de 2010

Inauguran as beirarrúas de Ouzande a pesar de non estaren concluídas:::

Unha comitiva "de entroido" realizou a inauguración das beirarrúas da parroquia o pasado sábado 13 de febreiro ás cinco e media da tarde á altura do lugar do Tallo, concretamente ao lado da torreta de Unión Fenosa. Os famosos "cegos do entroido" cantaron unhas coplas moi peculiares, foi o chamado "romance das beirarrúas de Ouzande"

A alcaldesa e mailo Tenente de Alcalde cortaron a cinta inaugural


aínda que tiveron os seus problemas posto que as obras parece que van con demora...

12 de febreiro de 2010

Ouzande perdeu 65 veciños nos últimos dez anos::

Segundo o censo do INE [Instituto Nacional de Estatística] á unidade poboacional correspondente coa nosa parroquia correspóndelle unha evolución negativa da poboación. Entre o ano 2000 e 2009 houbo unha baixada de 61 persoas no censo de Ouzande, sendo este descenso progresivo en todos os anos agás no paso entre 2008 a 2009 que se aumentou nun membro o número de habitantes. En comparación con outras parroquias do municipio, a nosa é unha das poucas que non perdeu poboación nestes últimos doce meses canda á capital municipal e as feregresías de Arnois, Baloira, Frades, Lagartóns, Olives, e Ribeira que aumentaron a súa poboación. Do resto todas perden poboación en 2009 agás Barbude, Loimil, Orazo, Riobó e Toedo que manteñen as mesmas cifras que no censo anterior. Os números totais destes dez últimos anos son os seguintes:
Ano 2000 - 426
ano 2001 - 418
ano 2002 - 404
ano 2003 - 392
ano 2004 - 383
ano 2005 - 382
ano 2006 - 373
ano 2007 - 365
ano 2008 - 360
ano 2009 - 361
En canto á distribución de xénero sempre se rexistra un número maior de mulleres que de homes, habendo na actualidade unha distribución de 179 homes fronte a 182 mulleres dos 361 veciños totais censados na parroquia.

9 de febreiro de 2010

O sábado volve o ANTROIDO á nosa parroquia:::

Será coa chegada dos cegos do entroido un pouco antes das cinco da tarde ao campo da festa. Percorrerán toda a parroquia e irán parando nos distintos lugares. Ao final hai anunciada unha grande festa de disfraces no local social, sobre as 7 e media do serán.
Toda a información desta actividade no blog da Fervenza de Ouzande

A Fervenza de Ouzande celebrou a Asemblea Xeral:::


Foi unha cita moi concorrida na que se deu conta da situación económica da entidade, dos pormenores da xestión da directiva e das actividades realizadas en 2009. Tamén se apuntaron algunhas novidades para 2010. No acto déuselle estreo a un recurso co que a partir de agora conta a parroquia; un canón para proxectar imaxes, en concreto serviu xa na xornada do domingo para ver o informe económico e mais un video con músicas e imaxes que resumiron todo o ferver de actividades de 2009. A pesar de diminuir o número de actividades, estas foron de maior calidade e gozaron dunha alta participación, a mesma asemblea estivo moi concorrida e foi moi participativa.
Outro dos puntos que tocaba tratar foi o da renovación da xunta directiva que se amplía a catorce membros. Son os seguintes:
Xabier de Camba (presidente), Natalia de Sueiro (vicepresidenta), Manuel de Topete (secretario), Rosa de Cabanas (tesoureira), Julio de Sueiro, Loli de Camba, Malusa da Cardalda, Laura de Topete, Manuel da Taberna, Manuel do Rubio, Xabier Adán, Noelia do Rubio, Álex Ayude e Cristina do Cereiro, sendo estes tres últimos os novos integrantes do equipo directivo.
No transcurso da asemblea fíxose mención ao premio "San Martiño" pola normalización e dinamización da lingua galega coa proxección dun video no que o presidente Xabier de Cambia recolle a estatuíña e pronuncia un sentido discurso sobre a entidade, que vai camiño de cumprir os seus primeiros dez anos de vida.
Para rematar, a organización agasallou con chocolate e biscoitos aos asistentes.
Esta noticia tivo repercusión a nivel comarcal e é referida no Faro de Vigo do luns 8 de febreiro.

4 de febreiro de 2010

A Fervenza de Ouzande celebra o domingo ás 5:30 da tarde a súa Asemblea Xeral de Socios:::


A Asemblea Xeral da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande hase celebrar este domingo día sete de febreiro ás cinco e media da tarde. A Xunta Directiva dará conta da súa xestión. Segundo a Lei de Asociacións e os estatutos desta entidade toca elexir directiva nesta convocatoria. A organización ten previsto mostrar un video co resumo de actividades desenvolvidas durante 2009 e convidar aos asistentes a un chocolate quente ao remate da mesma.

1 de febreiro de 2010

Elexida a nova XUNTA PARROQUIAL de Ouzande:::


O pasado sábado 30 de xaneiro ás sete e media do serán celebráronse as elección á Xunta Parroquial. A novidade radicou na presenza de mulleres nas votacións, saíndo dúas elexidas como membros da nova Xunta Parroquial. Logo dun interesantísimo conto de votos, o resultado quedou desta maneira:
1. Laura de Topete (19 votos)
2. Luis de Susa (15 votos)
3. Alfonso de Porto (14 votos)
4. Conchita de Xestoso (14 votos)
5. Raúl da Campesa (11 votos)
6. José de Pedro (10 votos)
suplentes: José de Pura (fillo) e Martín Campos (fontaneiro)