30 de decembro de 2009

Ouzande dálle a benvida ao ano novo cunha festa no local social:::

Con este cartel a asocición cultural de Ouzande convídanos a participar nunha festa para despedir o ano 2009 e darlle a benvida a 2010. A cita será no local parroquial a iso da unha da madrugada. Está previsto comer novamente as uvas pero desta vez coa unión veciñal para logo brindar polo 2010. Haberá música e festa ata a madrugada. Máis información no blog da asociación.

28 de decembro de 2009

Obradoiro de animación en Ouzande:::


O Concello da Estrada está organizando uns obradoiros de animación para o tempo libre dirixidos ás persoas adultas nas parroquias do municipio. A Ouzande tócalle os xoves de seis da tarde a oito. A primeira das citas xa tivo lugar antes das vacacións de nadal e acudiron poucas persoas polo que a iniciativa se retoma o próximo xoves 14 de xaneiro. Quen queira participar pode achegarse ese mesmo día ao local social da parroquia e informarse para participar.
As actividades que se desenvolverán son un obradoiro de manualidades (pintura, flores, modelado de barro...), un obradoiro de memoria e estimulación cognitiva que contará co xogo do bingo. Tamén se fará un obradoiro sobre cultura galega onde se traballarán os recordos das persoas maiores e o como eran os nosos costumes que tanto están cambiando.
Existe a posibilidade, en caso de que non haxa suficientes participantes, de unir esta actividade coa proxectada na Somoza, nesta parroquia prevese que sexa ás catro da tarde en lugar das seis.

Comeza a conta atrás para o "apagón analóxico":::


O día 18 de xaneiro produciráse o famoso "apagón analóxico" que deixará aos ouzandeses sen sinal de televisión por esta vía. Deste xeito cómpre, para vermos a tv, que teñamos un decodificador conectado ao noso televisor ou un aparello que reciba directamente o sinal dixital.
Dende o Ministerio de Industria como desde a Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia habilitáronse teléfonos e páxinas web de consulta con mapas de cobertura e información útil sobre o paso á tecnoloxía dixital. No caso do ente estatal, a páxina é www.televisiondigital.es e o número o 901 2010 04. No caso do departamento autonómico, a información pode ser visitada a través da web www.tdtgalicia.es
Nestas semanas previas á fin da emisión dixital, nos televisores está aparecendo unha mensaxe que informa do paso desa canle ao modo dixital. O cese completo de emisións analóxicas está previsto para o día 3 de abril de 2010.
Segundo se pode saber mediante estas páxinas, a Ouzande correspóndelle unha cobertura alta do sinal dixital, polo que de termos un decodificador poderemos seguir vendo a Tv sen problemas.
O cambio que si veremos os ouzandeses será que deixará de emitir ESTRADA TELEVISIÓN posto que a día de hoxe non ten permiso para emitir en versión dixital.

Volven as obras das beirarrúas á entrada de Ouzande:::


Logo da loita política da Deputación de Pontevedra contra o Concello da Estrada polo si ou non permiso para realizar as obras das beirarrúas, as máquinas volven remover terra na entrada de Ouzande.
A pesar de que se retomen os traballos, a veciñanza non ve con alegría esta obra, xa que se fará só naquelas zonas en que o ancho da vía o permita e terán unha lonxitude de só trescentros metros. Unirán a Rúa Perez Viondi á altura do "Empalme" co lugar do Tallo. Concretamente chegarán do lado esquerdo á segunda pista logo da Casanova e do lado dereito ata o cruce do Castro, fronte a casa nova dos de Xacobe.
Segundo informa o Concello na súa páxina web estas obras precisan da colaboración dos veciños e veciñas e "pasa pola cesión dos terreos necesarios por parte destes, de feito que só se poderán construír as beirarrúas naqueles tramos nos que exista dispoñibilidade dos mesmos".
Segundo a entidade municipal, as canalizacións de servizos públicos executaranse en toda a distancia prevista de actuación, nos terreos de servidume desta estrada propiedade da Deputación.
Este proxecto ten un importe de execución de 231.317 euros, e está incluído dentro do Plan FEIL. A actuación prevé a instalación de redes de saneamento e abastecemento de auga, así como de alumeado público, o soterramento das redes de media tensión e de telefonía e a construción de beirarrúas nas dúas marxes da estrada.
A nova rede de abastecemento proxectada non terá nada que ver coa cativa canalización que operou a Deputación nestes últimos anos e que aínda a día de hoxe está totalmente inservible. Segundo informa o Concello, a rede da nova obra conectarase á rede municipal na rúa Pérez Viondi, con arquetas de rexistro cada 50 metros e tubaxe de polietileno de 63 mm de diámetro. Tamén se instalará unha rede de saneamento separativo de augas pluviais e residuais, a primeira mediante tubos de PVC de 315 mm e a segunda con tubería de 400 m. Os trazados discorren baixo calzada ou beirarrúa e todas as tubaxes serán reforzadas.
Outro dos temas de interese en canto a esta obra é a iluminación, posto que non se sabía se a obra levaba parella a instalación dalgún tipo de farolas, parece ser que se canalizarán os cables mediante tubo de PVC de 90 mm, e instalaranse os correspondentes báculos con lámpada de sodio a alta presión. A rede de telefonía sotérrase desde o entronque co casco urbano, volvendo a ser aérea no lugar do Tallo, ao remate da actuación. Na información aparecida na páxina web do Concello fálase das Cachopas, pero ben sabemos que polas Cachopas non pasa a estrada local Ouzande-A Estrada, cando se fai mención a este lugar refírense concretamente ao Castro.
A duración das obras é de 3 meses. Cómpre lembrar que desde o Concello solicitouse ao Estado unha prórroga no prazo de realización deste proxecto, para que se poida manter o financiamento achegado a través do Plan FEIL. Se contamos estes tres meses desde a data en que se volveron ver funcionar as máquinas as obras deberían estar rematadas en Marzo-abril, pero na información facilitada polo Concello da Estrada menciónase o mes de xuño para o remate deste tramo de beirarrúas.

19 de decembro de 2009

Noelia Bouzón actuou con Carlos Núñez no teatro García Barbón de Vigo:::

Tal e como estaba previsto onte venres 18 de decembro Carlos Núñez presentou o seu disco Alborada do Brasil e contou coa colaboración de artistas galegos e do Brasil. Entre os nomes das convidadas da terra estaba a ouzandesa Noelia Bouzón que soubo estar á altura e templar os nervios ante un teatro cheo completamente dun público entregado. Destacou a presenza dunha ducia de ouzandeses que a seguiron até a cidade olívica. Velaquí unhas fotos, máis información en CARREIROS.BLOGSPOT.COM


17 de decembro de 2009

Noelia Bouzón actuará hoxe na presentación do disco de Carlos Núñez:::

As actuacións dos "nosos rapaces" de Ouzande van cautivando todos os públicos, un dos últimos en escoitar a música dos nosos retrousos foi o coñecido Carlos Núñez e é por iso que convidou a Noelia a participar na presentación do seu disco Alborada do Brasil. É hoxe ás 20:30 no Centro Cultural Caixanova de Vigo. Estes videos reproducen actuacións espontáneas de Retrouso; La Voz de Galicia

14 de decembro de 2009

Unha rapaza de quince anos secuestrada polo seu mozo:::


Un veciño da parroquia de tan só 19 anos está imputado desde o pasado luns por un delito de retención ilegal e conta cunha orde de afastamento da súa moza. Esta viviu un auténtico pesadelo na tarde daquel día ao ser raptada sobre as 18:00, hora en que o 112 recibiu unha chamada de auxilio para alertar de que estaba retida no coche de A.H.R.
Púxose en marcha un operativo de seguridade para localizala, contando con varias patrullas da Garda Civil e axentes da policía local do veciño concello de Lalín, lugar onde foi encontrada a moza, nas proximidades do polígono industrial de Lalín 2000.
A aventura deste mozo acabou pronto pois foi localizado e detido e conducido ao Xulgado Número 1 de Lalín onde prestou declaración e quedou en liberdade con cargos. Pódese enfrontar a unha pena de varios anos de prisión.
Esta información recolleuse esta pasada semana en distintos medios de comunicación, non só locais:
El Correo Gallego La Voz de Galicia La Opinión de A CoruñaFaro de Vigo

9 de decembro de 2009

Ponte da Constitución pasada por auga en Ouzande:::



A pasada fin de semana será recordada pola gran cantidade de auga que caeu sobre a parroquia. Os foxos das pistas e camiños non daban desaugado os numerosos litros por metro cadrado (máis de cen segundo os metereólogos) que cairon sobre o chan ouzandés. Veigas a nado e arrós que cederon ante a presión da chuvia. Tal foi o caso do Redondo onde quedou cortado o camiño por culpa do desplome dun deses cómaros durante a madrugada do sábado. A imaxe da Fervenza de Ouzande tomada de carreiros.blogspot.com dá idea de como baixaba a auga pola parroquia abaixo.

1 de decembro de 2009

Magosto en Ouzande:::



O magosto deste ano tivo unha novidade; os trompos. O mal tempo non desluciu esta festa que se celebrou na parte superior do palco, ata a nosa parroquia achegáronse numerosos trompos, un deles de enormes dimensións. Todo xirou darredor nunha tarde chea de auga. Ao serán as castañas foron desprazando a xogueta e a música invadeu o campo da festa; o alumnado das clases de pandeireta, baile, gaita, percusión... fixo as súas correspondentes prácticas no magosto de Ouzande

Acordo para continuar as obras nas beirarrúas de Ouzande:::

HOXE os xornais locais informan do resultado da reunión entre o alcalde da Estrada e o presidente da Deputación provincial de Pontevedra e anuncian que as beirarrúas que ocuparán parte da vía principal da parroquia se farán pero con cicatrices políticas:
no xornal EL CORREO GALLEGO:

No xornal FARO DE VIGO:

No xornal LA VOZ DE GALICIA: